A MIT de Ribadavia recupera o nivel de asistencia de edicións de antes da pandemia
VEN A GALICIA
A proposta «Demente» foi a que xerou unha maior demanda de entradas
26 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A organización da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia dará a coñecer este martes a montaxe que se fixo co premio do público, en base ás votacións que realizan os espectadores que acudiron ás sesións do auditorio Rubén García. Unha tradición que se cumpre con cada nova convocatoria e que chegará acompañada da estatística da MIT 2022.
A edición postpandemia cumpriu as expectativas que se barallaban dende a organización, segundo sinala o seu director. «Estamos moi satisfeitos porque constatamos unha recuperación da asistencia á Mostra e o resultado volve a situarse nos niveis anteriores á pandemia, polo que se puido constatar pola demanda e a taquilla deste ano», sinala Roberto Pascual.
O director da MIT salienta a aposta que se fixo na convocatoria do 2022 por potenciar os escenarios menos coñecidos. «Houbo un incremento no número de xente que acudiu este ano á Mostra e contamos con actuacións en sete localizacións». Ademais dos espazos tradicionais —castelo, igrexa da Madalena e Alameda— funcionaron de maneira destacada as representacións de Santo André de Camporredondo e San Cristovo.
Roberto Pascual lembra que «a decisión foi a mantenta. Quixemos apostar por levar as obras a estes espazos e de aí a presenza de Ertza, a compañía vasca recoñecida nos premios Max, en espazos que non eran os centrais da Mostra. E daquela conseguimos que os espectadores se implicasen con esta iniciativa».
Uns 10.000 espectadores
A falta de pechar datos de asistencia, votacións e demais, nun primeiro balance o director da MIT incide en aspectos como o apoio do público —«pasaron este ano polo festival uns 10.000 espectadores»—, a menor presenza do sector —«non houbo tanta xente da profesión como outros anos porque había moitas propostas, de Verín a Tui, e un bo número de persoas traballando. Supoño que é o efecto Xacobeo, veremos que pasa cando remate»— e a mellora no auditorio do castelo —«que se cubríu totalmente con asentos. Antes non tiña nos dous tramos dos extremos»—.
A obra que tivo unha maior demanda por parte dos espectadores foi Demente, da Cia. Fran Sieira, e non rexistrou o aforo agardado Las aves, do grupo catalán La Càlorica.