Presentouse en Lugo unha das festas máis especiais para O Vicedo, a Romaxe Viquinga
VEN A GALICIA
A recreación histórica conta este ano con novidades na súa programación, como espectáculos de música folk e xustas
28 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Onte a Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación da V Romaxe Viquinga do Vicedo, que se celebra o vindeiro sábado na praia de San Román. O delegado territorial, Javier Arias destacou «o gran valor da iniciativa para sumar atractivos á oferta diferencial deste destino e continuar consolidando a tendencia positiva do turismo na localidade e no resto da Mariña».
A Romaxe Viquinga súmase a unha oferta cultural de recreación histórica. Unha tendencia bastante consolidada na comarca con, por exemplo, a festa renacentista en Viveiro ou o Indiano en Ribadeo. A Romaxe Viquinga de O Vicedo rememora a súa historia nestas xornadas representando o asentamento viquingo en San Román.
Mañá, a xornalista Marta Darriba lerá o pregón na Casa da Cultura ás 20.30 horas co que se dará inicio ás festas. O sábado arranca o día grande ás 10.30 horas coa apertura do campamento e o inicio dos obradoiros. Seguiralle o desembarco viquingo e a batalla a partir das 12.30 horas. Ao longo da xornada haberá animación musical, comida campestre, contacontos, o enterramento viquingo -ás 22.30 horas- e a voda viquinga -á media noite-. Este ano destacan novidades como a representación con monicreques a cargo de Marionetas Trécola, a actuación folk e espectáculo de lume co Bruxo Queiman e as representacións de xustas.
Falamos co alcalde para coñecer máis desta Romaxe.
—Que significa este día para San Román e para O Vicedo?
—É unha data moi sinalada para nós xa que a vila recibe moitos visitantes interesados neste tipo de festas de recreación histórica. Achéganse tanto veciños como turistas e danos moita promoción.
—Os veciños involúcranse para a preparación deste día?
—A verdade é que se prestou voluntaria moita xente e recibimos moita colaboración dende a Asociación Cultural tanto para a decoración como para a animación. A xente está moi comprometida e orgullosa das súas festas. Tamén recibimos axuda do concello de Mañón para organizar a actuación do grupo folk.
—Por que se elixiu a Marta Darrriba como pregoeira?
—Marta Darriba involucrouse moito na gravación da curtametraxe de promoción da Romaxe. Gracias a ese contacto propuxémoslle colaborar e ela aceptou encantada a dar o discurso que inicia as festas.
—Que esperan para esta edición?
—Superar con creces a asistencia dos anteriores anos, estamos convencidos. Ademais de que o tempo vainos acompañar, temos novidades moi atractivas na programación e contamos actuacións incribles. Animo a todos a que veñan a descubrir unha festa inesquecible.