Patrocinado por

A feira do libro da Coruña volve ao grande con máis de 200 actividades

Gala Dacosta Diehl

VEN A GALICIA

Paula Quiroga

A 51ª edición da feira inaugúrase o luns cunha das súas mellores previsións

30 jul 2022 . Actualizado a las 22:35 h.

O luns inaugúrase a feira do libro da Coruña, que viaxará a Viveiro o día 12 para logo celebrarse en Foz e Monforte. Agosto é o mes que concentra máis feiras do libro na nosa Comunidade, e volven á normalidade despois de dous anos.

A primeira feira do libro deste ano tivo lugar en Ferrol o mes de abril. Santiago, Lugo, O Porriño, Vilalba, Ourense, Vigo, Ponteareas e Rianxo fóronse sucedendo os seguintes meses, pero o luns 1 de agosto o pregón da xornalista e escritora Bibiana Candia Becerra dá inicio á feira do libro da Coruña, a máis grande de Galicia. Logo da celebración dos 50 anos do evento nunha versión reducida, esta nova edición abre a tempada de maior concentración de feiras do libro da Comunidade, con catro nun único mes: Coruña, Viveiro, Foz e Monforte.

Este ano, despois de dúas edicións caracterizadas pola pandemia, na cidade herculina espérase a participación de 30 casetas e a celebración de máis de 220 actividades para todos os públicos. Manuel Rivas, David Pintor, Ana Cabaleiro, Siro López e moitos outros nomes coñecidos estarán presentes durante os dez días de duración da feira.

Nas carpas desenvolveranse cada día diversos actos de presentación de libros, actividades e conversas, como a do luns entre Yolanda Castaño e a súa nai, Dolores Pereira, sobre o poemario Materia; ou a do martes, entre Carlos Callón e Miguel Rodríguez Carnota, arredor de O libro negro da lingua galega.

Aínda que o número de vendas en feiras se viu afectado pola pandemia, como era de esperar, pero ao mesmo tempo o sector gozou de cifras moi positivas, sobre todo co levantamento de restricións a finais do 2021. Tal foi o impacto positivo do cambio nos hábitos de ocio e consumo que o pasado ano foi récord de vendas, segundo recolle o último informe do Gremio de Editores de España. «Non me atrevería a confirmalo, pero diría que para as librarías foi dos mellores anos», explica Ramón Domínguez, o presidente da Federación de Libreiros de Galicia.

Mentres que os postos habituais como a Libraría Couceiro, Edicións Embora, Libraría Pedreira, Edicións de luxo Moleiro, Libraría Berbiriana ou o Consorcio Editorial estarán presentes un ano máis, nesta edición sumaranse outras tantas casetas que os últimos anos non acudiran ao evento. Por sorte, a da Coruña é a feira que promete volver impulsar o sector do libro, pois a nosa é unha das Comunidades Autónomas de España con maior número de librarías por cada 100.000 habitantes. Este é un fenómeno inusual que, segundo Domínguez, se explica pola dispersión da poboación galega.

En canto ás actividades, todas elas de balde, incorpóranse novidades coa vontade de aportar diversidade temática e de idades, como o faladoiro sobre divulgación científica e saúde mental a cargo de Tamara Pazos, Claudia Pradas e Nacho Neuronacho; ou o catálogo extendido de actividades para cativos, coma o espectáculo «Estrafalaria» a mans de Xarope Tulú. Os visitantes da feira poderán gozar desta festa da lectura cun 10% de desconto en todos os títulos.

Domínguez confía en que o volume do turismo que aumentou este verán na Coruña se deixe notar na feira que comeza a vindeira semana. Ademais, este ano as casetas e as carpas recuperan as clásicas sinaturas, cousa que non se podía facer dende hai tempo, ou só a través dunha mampara que non tivo bos resultados. O presidente da Federación de Libreiros insiste na importancia de amosar a cara, do trato persoal e do encontro entre autores e lectores para que unha feira do libro sexa exitosa.