As casas rurais da zona afrontan agosto con boas cifras de ocupación
VEN A GALICIA
A temporada de verán ven cargada de esperanza a pesar da subida de prezos
29 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Coa chegada do verán, moita xente se prepara para disfrutar das súas vacacións tras uns anos cargados de dificultades á hora de viaxar, tanto para os clientes como para o sector hoteleiro que aprecia o repunte de reservas tras a pandemia. Aínda así, a recente situación en Ucraína e a consecuente inflación ten preocupados aos establecementos, especialmente polo encarecemento de recursos básicos para o servizo, como son a auga e a luz. A pesar de todo, responsables de casas rurais de Deza e Tabeirós-Terra de Montes móstranse optimistas co número de reservas no que levamos de verán.
Desde Remanso de Trasfontao Casa das Árbores & Bubble, en Silleda, Virginia Colmeiro comenta a situación do seu hotel: «En comparación a estes anos temos un gran número de reservas, cun 80 % da clientela procedente de Cataluña e Alicante e soe reservarse por parellas de entre 30 e 40 anos, con un único fillo no caso das vivendas familiares. A estancia estándar que a xente escolle ven a ser unha semana». Á hora de falar sobre o prezo de custes, nota un cambio claro «Si hai subida pero nós aínda non a traducimos aos nosos prezos. O que si que noto é que a xente cada vez aforra máis nos almorzos e prefire pagar nada máis chegar, probablemente para ser conscientes do gasto antes de continuar as vacacións».
Mentres, o establecemento hoteleiro e restaurante tradicional Fogar de Breogán, situado en O Seixo, na parroquia lalinense de Santiso, experimentan unha situación similar. «Resulta rendible a estancia por parte de parellas que reservan de unha a tres noites, aínda que si nos vimos obrigados a subir lixeiramente o prezo do menú» admiten, debido a subida dos custes.
Igual que en Pazo de Eidián, situado no municipio de Agolada, onde a pesar da situación actual «estamos tendo moi boa acollida con reservas de grupos, ademais os meses de maio, xuño e xullo son ocupados por estranxeiros mentres que en agosto a clientela é maioritariamente nacional». Continúan preocupados pola suba de prezos «aínda e que non repercute nos clientes, si que se nota especialmente do gasoil, a luz e os subministros».
Na comarca da Estrada hai unha situación similar, con moitas casas de turismo rural con previsións de boa ocupación en agosto. Tampouco están repercutindo o incremento de custes no que cobran pola estancia.
Protagonismo de visitantes nalgún caso de Estados Unidos e Canadá
Tendo en conta a situación actual do turismo en Galicia, dende la casa rural O Refuxio, en Vila de Cruces, que conta tamén cun restaurante e salóns para eventos, a súa xerente Natalia Guzmán, recoñece a situación relativamente privilexiada na que se atopa o seu negocio. «Este verán por agora estamos ao 80 % de ocupación, a nosa clientela divídese nun 60 % de turistas, que veñen especialmente de Estados Unidos, Canadá e Gran Bretaña, e un 40 % de grupos que se quedan pola celebración dunha voda, comuñón, etc.». Ao contar a maiores do hotel cun espazo para eventos, a xerente non se mostra especialmente preocupada: «Claro que se notou a subida de prezos, pero agora mesmo temos os tres salóns desbordados, e incluso reservas ata o mes de febreiro».
Chega unha maneira diferente de viaxar
Coa subida de prezos dos últimos anos cada vez se fai máis difícil viaxar, especialmente á hora de buscar certos requisitos no lugar de hospedaxe que, normalmente, poden irse de prezo. Existe un servizo a nivel internacional —pero que conta con 30.000 vivendas rexistradas en España— que permite intercambiar vivendas á hora de viaxar, que conta cunha comunidade baseada na reciprocidade.
Este servizo chámase Home Exchange, con máis de 450.000 casas en 145 países dispoñibles ao redor do mundo, e serve como portal para que individuos con ganas de viaxar dunha maneira diferente se poñan en contacto. O rexistro e a busca na páxina é gratuíto, para facer unha reserva hai unha cuota de 149 euros ao ano, ou 12 ao mes, o cal compensaría os gastos que supoñería o aloxamento nun establecemento tradicional.
Este servizo basease nuns principios de convivencia para calquera intercambio; o incentivo de ser ben tratados para tratar da mesma maneira aos invitados, mantendo sempre unha comunicación eficiente coa outra familia, fixándose nos pequenos detalles, deixar unhas regras ou normas a seguir na casa para evitar altercados e aproveitarse das diferenzas, algúns teñen animais, outros prefiren xardín, outros apartamento, é cuestión de atopar os puntos en común.
Ademais dos intercambios recíprocos existe a posibilidade de intercambiar Guest Points, unha moeda —conséguese rexistrándose e aloxando a xente— que permite «alugar» o aloxamento sen necesidade de viaxar simultaneamente, o que da máis flexibilidade á hora de atopar unha casa e segue mantendo o aforro e reciprocidade na busca de estancia.
Respecto a este servizo, Deza e Tabeirós-Montes non teñen unha oferta grande —en parte polo descoñecemento— pero hai tres vivendas en Forcarei, tres en Silleda, unha en Rodeiro e polo menos, catro en Lalín, o que demostra a oferta potencial que pode haber coa información adecuada. Tendo en conta o nivel de turismo da zona, este sistema pode resultar efectivo para cubrir a demanda para os que buscan aproveitar a súa casa mentres, simultaneamente, cubrir parte dos gastos que supón viaxar.