Moito colorido, formas, trazos e tecidos no Día do Traxe Galego en Santiago
VEN A GALICIA
As vestimentas tradicionais tomaron onte a zona vella da cidade
31 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A 43ª edición do Día do Traxe Galego celebrouse onte en Santiago cunha axenda de actividades que se estendeu ao longo de toda a xornada e que incluíu desfiles, exhibicións e un certame de traxes que permitiu lucir a moda tradicional arredor dos lugares máis sinalados da zona vella. Os eventos foron organizados pola Asociación do Traxe Galego no marco das Festas do Apóstolo.
O día deu comezo co Desfile do Traxe Galego, que saíu ás 12.00 da Alameda e contou coa participación dun cento de persoas que acudiron ataviadas coa indumentaria tradicional galega. A marcha percorreu o casco histórico de camiño á igrexa de San Paio de Antealtares, onde os asistentes atenderon o oficio dunha misa antes de continuaren o seu itinerario ata a recepción que tiñan programada ás 14.00 no Concello.
Pilar Astray, presidenta da Asociación do Traxe Galego, sinalou no comezo do desfile que a xornada de onte foi «o noso día grande» e que tanto ela coma o resto de membros da entidade desexaban encher «todo Santiago de colorido». Malia apuntar que a participación «foi boa», Astray lamentou que, en comparación con outros anos, «botamos en falla máis nenos».
Os participantes do desfile acudiron emocionados pola ocasión. No ambiente notábase a intención de luciren do mellor xeito posible os seus traxes e non faltaron os retoques de última hora. «Está quieta, mamá!», escoitouse na Alameda mentres unha filla lle arranxaba a saia á nai.
Silvia García, bailadora do conxunto Brincadeira —un dos que actuaron na Quintana á noite, trala entrega de premios do certame de traxes—, achegouse ao desfile con moita ilusión por «ver os traxes máis antigos», aqueles que adoitan vestirse en oportunidades sinaladas. Por outra banda, Paul e Susan Silk, cidadáns británicos de vacacións en Santiago, coincidiron co acto no transcurso dun paseo que se dispuxeron a dar pola Alameda. «Os traxes das mulleres lémbrannos ao vestido tradicional das galesas», sinalaron os dous.
A Praza de Mazarelos acolleu durante todo o día a Feira do Vestir «De onte a hoxe», que foi a novidade do programa deste ano. Á tardiña tivo lugar na Praza da Quintana a exhibición das pezas presentadas ao certame de traxes e maila entrega de premios aos mellores. A continuación clausurouse a xornada coas actuacións de Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Colexiata de Sar e Ultreia.