Patrocinado por

Agosto en Pontevedra, máis aló das Festas da Peregrina

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

VEN A GALICIA

LÓPEZ PENIDE

Este luns arrancan o ciclo infantil de teatro, música e maxia, así como as Noites de Monólogos

05 ago 2022 . Actualizado a las 18:55 h.

Non cabe dúbida de que agosto en Pontevedra é o mes por antonomasia das Festas da Peregrina, que arrancan o vindeiro día 12. Sen embargo, o certo é que a oferta lúdica da cidade do Lérez ao longo de todo este mes vai máis aló do que son estes festexos.

Deste xeito, este mesmo luns e ata o venres, desenvolverase Trebellando na Alameda, o ciclo infantil de teatro, música e maxia que arrancará coa representación da obra Brincadeira da lingua a cargo de Migallas Teatro. Posteriormente, e sempre a partires das 19 horas, o martes actuará o mago Adrián Conde, co seu espectáculo Piccolo Camerino, mentres que, ao día seguinte se retomarán as sesións de teatro co Grupo Expresión e a peza Animados.

En canto ao xoves, tocaralle a quenda ao mundo circense con Cía Trotamundos, que chegan a Pontevedra con Historias de un baúl, e poñerá o peche a Trebellando na Alameda un concerto de Ollo Piollo, que leva por evocador título Sóns de batea.

O certo é que, mentres as tardes son para os nenos e un público familiar, as noites pontevedresas durante esta semana están máis enfocadas aos adultos coa programación nas Pistas de Campolongo (22.30 horas) das Noites de Monólogos. Así, a longo dos próximos cinco días, contarase coa presenza na cidade do Lérez dalgúns dos máis recoñecidos monologuistas da actualidade, como son Luis Zahera, David Amor, Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán e Marta Doviro.

E para os amantes das emocións fortes, e no marco do festival Galicia Ilusiona que se desenvolverá por toda a comunidade autónoma ao longo dos vindeiros meses, o mago e escapista Víctor Cerro levará a cabo, a partires das oito e media da tarde, un dos seus desafíos extremos na praza de España, o bautizado como Home diana e porta do inferno.

A espectacularidade tamén virá da man da novena edición de Itineranta, o Festival Internacional de Animación de Rúa. Así, o mércores recorrerán as prazas e rúas do casco urbano da cidade Troula Animación, co seu show O estraño caso do dentista...; Cía Sin Fin, con Los piratas; Yera Teatro, con Meninas; e Animarts, con Damonion.

ADRIAN BAULDE

Outros catro espectáculos na rúa programáronse para este xoves —Zanguango Teatro, con Al otro lado; Ale Hop e The Clownpany; La Fam, con MotorPunk; Hortzmuga Teatro & Deabru Beltxk, con Senta—, o mesmo número co que se pechará Itineranta ao día seguinte, o 5 de agosto. O venres tocaralle a Nacho Villar & Yllana, con Glubs; Soun de Secá e Sabor; Ale Hop, con Voluminaires Futuristic Freaks; e La Fan e Aquiles.

Música á beira do Gafos

Este mesmo día arrancará o Senda Festival, que se desenvolverá sábado e domingo no entorno do río Gafos, de tal xeito que na primeira xornada contarase con Mind Enterprise, Supernatural Project, Russ e Fiuza. Pola contra, o sábado tomarán o relevo Simona, Alex Kassian, Baldman, Topanaga Kiddo, Certain People, Sebastian Black e Akazie.

As artistas serán as protagonistas, pola súa parte, do ciclo Con Voz de Muller que tomará a praza da Ferrería entre o 6 e o 10 de agosto. Así, este sábado está programado o concerto de Pongo, mentres que, ao día seguinte, Somdolilá amenizará un pasarrúas previo ao monólogo que, baixo o título de A síndrome de Lis, desenvolverán Diana López Varela e Rocío Barrio.

Xa o luns, 8 de agosto, concerto de Guadi Galego e, previamente, pasarrúas de Bassica Rapa, e o martes e mércores, de novo, a música será a protagonista con De Vacas e Ginebras, respectivamente.

E como anticipo do inicio das Festas da Peregrina, o 12 de agosto, nova edición de Aquí cántase, a iniciativa liderada por Maravallada para levar os cantos tabernarios por distintos puntos emblemáticos de Pontevedra. Este mesmo venres clausurarase o ciclo O Son Local, proxecto que dende o 9 de agosto contará con artistas da cidade e da contorna en escenarios tan dispares como a praza de Celso García de la Riega, onde actuará Hainas ou as escaleiras do Teatro Principal, onde poderase gozar de Odiosos 5 ese martes.

A programación complementaranse con La Mosca Valiente na rúa Laranxo e Flip Corale en Cruz Vermella o mércores; Black Hole no Campiño de Santa María o xoves; e MKP mais unha espectacular pelexa de galos na Parda como broche de ouro.

¿E despois das festas?

O mundo festivo en Pontevedra non se deterá coa fin das Festas da Peregrina, xa que a programación de carácter lúdico continuará coa Festa do Demo o 23 de agosto, xornada na que tamén está programado un concerto da Banda de Música de Salcedo na praza de José Martí.

E todo iso sen esquecer que na primeira fin de semana se setembro regresa a Feira Franca tras dous anos de ausencia obrigada polo covid.