Patrocinado por

O ciclo Atardecer no Gaiás ofrecerá oito concertos nos solpores de agosto

Iria Ramos / I. C. SANTIAGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

O folclore reinventado de Terrae, Caldo, Néboa e Ruiseñora acompaña a estética de Basanta e o intimismo de Lusillón

03 ago 2022 . Actualizado a las 00:10 h.

O Atardecer no Gaiás continúa a actividade da súa duodécima edición no mes de agosto logo das actuacións de Kimberley Tell, Sila Lúa, Anxo Araújo ou Mundo Prestigio, entre outros, que puideron desfrutarse ao longo de xullo. Nesta segunda parte do programa non haberá cambios na entrada, que segue a ser de balde e sen reserva, nin na localización, que non se moverá da praza central da Cidade da Cultura, ás 21.00 horas. Un plan ideal para os longos solpores do verán.

O ciclo de concertos do Atardecer no Gaiás ofrece unha experiencia musical en directo que transita por un conxunto moi variado de estilos e procedencias que, á súa vez, constitúen un itinerario diverso e actual. Nel poden atoparse todo tipo de xéneros como son o pop, a canción de autor, a electrónica, o folk experimental e mais unha morea de ritmos urbanos que fican mesturados baixo as etiquetas da electrocumbia, o trap ou o hip hop.

A cantante Rocío Saiz ía ser a encargada de inaugurar este segundo tramo do ciclo de concertos do Gaiás este xoves 4, pero o a súa actuación, programada para o día 4, tivo que ser cancelada por motivos de saúde. O recambio será unha proposta galega a cargo de Nacho, Faia e Lar. Ao día seguinte, o venres, tomará o relevo do dúo Ruiseñora, que fará vibrar os asistentes coa súa fusión de electrónica, saetas, psicodelia e tradición folclórica española. A proposta revisita a copla española e convértea nun reclamo para o baile moderno.

A mocidade tomará o escenario o día 11 de agosto. A el subirán Alicia Otero e Marián Romero, titulares do primeiro e mais do segundo premio, respectivamente, da especialidade de música do certame Xuventude Crea, promovido pola Xunta de Galicia. O intimismo de Otero e a visita sobre os fados de Marián Romero irán seguidos dunha das bandas de rock noveis de Galicia e Portugal gañadoras do XeneraSon Rock deste ano. Neste caso a Rockaína.

O día seguinte, 12 de agosto, será a quenda de Lusillón. A madrileña vén ofrecer o seu estilo de música independente, con trazas de pop e lofi, que compuxo logo de comezar a facer versións propias de temas doutros artistas dende a intimidade do seu cuarto no confinamento do 2020.

Unha semana despois, o día 18, o dúo Terrae defenderá o seu proxecto musical e audiovisual dende o Gaiás. Ambientalismo, techno e folclore como piares fundamentais dunha proposta chea de enerxía positiva que procura botar a bailar a tódolos que asistan ao espectáculo.

O conxunto Basanta chegará o día seguinte, 19 de agosto, cunha posta en escena que non deixará indiferente a ninguén. Envoltos nunha brétema de misterio, os integrantes de Basanta defenden a súa música chea de riffs, pop e psicodelia cunha estética que lembra ao paganismo e mailo ocultismo dalgunhas bandas de rock dos anos sesenta e setenta. A súa, non obstante, é unha aposta pola renovación destes motivos cun son fresco e actual.

O 25 de agosto será a quenda de Caldo, un trío baseado en Valmiñor disposto a facer emerxer a música tradicional dende a perspectiva contemporánea mediante a experimentación que levan a cabo cos seus instrumentos. Servidos de violín, voz, pandeireta, guitarra e gaita integran melodías tradicionais galegas con influencias atlánticas no contexto da cultura musical céltica. O seu directo é unha proposta puramente acústica, toda unha experiencia para quen escoite.

O día seguinte, 26 de agosto, chegará ao Gaiás a actuación do grupo Néboa, unha proposta de pop-folk con trazas de jazz e trip-hop que resulta da combinación do tradicional con ritmos contemporáneos e delicadas bases melódicas.