A ruta concurso Tapa a Anguía desenvolverase as dúas últimas fins de semana do mes
VEN A GALICIA
Os bares e restaurantes poden anotarse para participar no certame ata o día 10
02 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A ruta-concurso Tapa a Anguía, que o Concello de Valga convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, celebrarase as dúas últimas fins de semana do mes de agosto. Será a novena edición desta iniciativa, coa que se quere promocionar un dos produtos estrela da festa, a anguía, e incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio. Os bares e restaurantes que queiran participar no certame gastronómico teñen de prazo ata o día 10 para anotarse.
A degustación de petiscos prolongarase durante dúas fins de semana completas, as do 20 e 21 e do 27 e 28. As tapas, que terán como produto estrela a anguía, serviranse de xeito gratuíto coas consumicións. A parte de concurso desenvolverase unicamente durante a primeira fin de semana, quedando o 27 e 28 de agosto como xornadas de degustación.
No referido aos premios, o público decidirá cos seus votos cales son os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para participar na votación é preciso reunir os selos dos bares participantes despois de degustar as súas tapas e introducir a papeleta nas urnas habilitadas ao efecto. Entre todos os participantes sortearanse dez vales de 30 euros.