Patrocinado por

Os ancestrais procesos da salgadura, un espectáculo do que gozar en Punta Moreiras

l. castro O GROVE / LA VOZ

VEN A GALICIA

MARTINA MISER

O cerne da cultura da conserva en Arousa pode contemplarse no museo do Grove

02 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O espazo museístico de Punta Moreiras recobra estes días a súa actividade relativa á salgadura. E o fai grazas a unha programación que afonda na cultura marítima da contorna, aproveitando o espazo da antiga fábrica para ensinar ao público os procesos que usaban antigamente para salgar as sardiñas. É a maneira de que as tradicións se sigan conservando ao longo dos séculos. E niso, a Asociación de Amigos das Salgadeiras de Moreiras pon, dende logo, moito empeño.

Son eles, que no seu día foron os impulsores da posta en valor deste espazo, os que se encargan de organizar ano tras ano estas actividades que espertan un enorme interese nos visitantes que teñen O Grove como destino. No Almacén Vello, a carón do Museo da Salga, levarase a cabo este xoves día 4 a introdución do peixe na salmoira, un proceso ao que hai douscentos anos chamábaselle «facer a chanca». As sardiñas deberán quedar na sal ata o vindeiro 18 de agosto, cando serán retiradas e estivadas nos tabais para posteriormente prensalas, unha tarefa que os antergos chamaban «cargar o morto». Unha vez rematados os procesos, como xa é costume, os asistentes poderán, como non, degustar o peixe. Con toda seguridade serán unhas xornadas ben entretidas, nas que non vai faltar a música nin tampouco o viño, xa que este ano o colectivo invitado son os Valedores do Tinto do Salnés. Así que a festa está asegurada.

As actividades darán comezo arredor das sete e media da tarde, aproveitando que o sol vai minguando, e co obxectivo de chegar a un bo número de participantes. Trátase de retornar por un momento ao pasado, en concreto a 1800, cando esta fábrica se mantiña funcionando, para observar como eran eses procesos artesanais, que foron a antesala da industria conserveira. O público poderá ver con que ferramentas e envases se facía a salgadura no pasado, e enchouparse un pouco máis se cabe da cultura mariñeira do Grove, nunhas instalación que agochan moita historia.

E, xa de paso, gozar da beleza da paisaxe en Moreiras e das vistas ao Esteiro e a Porto Meloxo. Un enclave que cada ano atrae a un maior número de curiosos, que buscan por riba de todo respirar aire puro e coñecer a parte máis rural do municipio.