O Museo de Pontevedra recorre a indumentaria tradicional que fotografiou Ruth Matilda Anderson
VEN A GALICIA
A mostra exhibe máis de 75 traxes e 150 imaxes, «algunha delas inédita»
03 ago 2022 . Actualizado a las 19:55 h.Baixo o título de Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia, o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra recorrerá dende o sábado e ata o 16 de outubro as vestimentas tradicionais galegas fotografadas por Ruth Matilda Anderson. A exposición conta coa colaboración coa Hispanic Society de Nova York, que se encargou de aportar o material fotográfico, estando comisariada pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas.
Deste xeito, destacaron que, con máis de 75 traxes, a mostra reproduce cada unha das vestimentas fotografadas pola estadounidense na súas viaxes a Galicia entre 1924 e 1926 por encargo da Hispanic Society de Nova York. O resultado desta mostra é unha experiencia que nos permitirá coñecer a Galicia dos anos 20 a través da lente da súa cámara e as anotacións do seu caderno de bitácora.
Dende o Museo engadiron que a exposición fará un percorrido pola vida, indumentaria e costumes, especialmente das mulleres, da Galicia a comezos do século XX. «Grazas á labor dunha moza neoiorquina que tivo que mergullarse no folclore galego para desempeñar unha labor fotográfica e etnográfica, descubrimos unha terra que aínda se atopaba no século XIX e comezaba a cambiar. Capturou todo o que estaba a piques de transformarse coa chegada da modernidade para que perdurase no tempo», destacaron.
Un total de 150 imaxes
Así, os visitantes serán testemuñas de «oficios que deixaron de existir, as paisaxes que cambiaron, a roupa que vestían, as romarías onde se divertían ou as feiras onde comerciaban entre outras situacións da vida cotiá mediante máis de 150 fotografías de Anderson, algunha delas inédita».
É o froito de cinco anos de estudo, busca, análise e recuperación na que Sete Espadelas amosa unha compilación de vestimentas que forma parte dos fondos da súa colección para reproducir as fotografías de Ruth Matilda Anderson. Exhibiranse máis de un milleiro de pendas, unha gran parte delas antigas ou reproducidas a partir de patróns e tecidos antigos acompañadas de ferramentas de traballo orixinais da época e de incalculable valor etnográfico.