Rábade volve celebrar as súas festas: «Son días moi importantes e emotivos para o concello»
VEN A GALICIA
A vila lucense celebra desde este venres 12 e ata o día 17 as súas festas e o Festival A Rabaca
11 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Tras dous anos de parón pola pandemia, case todos os concellos retoman as súas festas patronais. E non de calquera xeito, pois este verán volven máis fortes ca nunca. Para comprobalo, só hai que ver a programación das festas de Rábade, que terán lugar do 12 ao 17 de agosto, estando os dous últimos días reservados para o Festival Cultural A Rabaca. Música, teatro, numerosas actividades e concursos animarán as rúas durante estes seis días para todas as idades, incluídos os avós, que tamén terán actividade nestas xornadas.
—Retoman as festas despois de dous anos. Hai novidades?
—Si, foron dous anos nos que non houbo festa, pero nos que puxemos en marcha o Festival Cultural A Rabaca, pensado para homenaxear a Juana Capdevielle e a Federico García Lorca, asasinados o mesmo día (18 de agosto de 1936). É unha iniciativa que sempre tivo boa acollida e decidimos seguir con ela porque hai xente á que lle gustan as festas masificadas, pero tamén hai quen as prefire máis recollidas, con outro tipo de eventos. Por iso intentamos aglutinar os dous desexos.
—O Festival A Rabaca ten lugar os dous días seguintes as festas.
—Si, e unha programación independente pero vai seguida das festas. Ten lugar os días 16 e 17.
—Son días moi importantes para os rabadenses.
—Dende o punto de vista emotivo, son días moi importantes porque é cando aproveita a xente que está fóra para vir e xuntarnos todos. Ademais, é un gran impulso económico.
—En que consiste o descubrimento do Rei da Chaira?
—O primeiro ano que fixemos as festas creamos un personaxe que simboliza a festa de Rábade. Escollemos a un veciño coñecido pola súa afección ás festas, chamámoslle O Rei da Chaira e encargamos a construción dun xigante coa súa figura. Está todo o ano gardado e o día do pregón descóbrese para dar inicio á festa.
—Na festa ata teñen protagonismo os avós. Estarán emocionados.
—Si, hai un evento moi peculiar, O Subidón dos Avós, posto en marcha hai catro anos. Consiste nunha subida nun vehículo con rodas no que participan avós e avoas, en compañía dos seus netos. Failles especial ilusión.
—E entre a xuventude, como se vive a chegada do Combo Dominicano?
—Segundo parece, moi ben. A min gústame moito a música e percibimos unha demanda moi grande por esta orquestra. Nunca puidera vir, tivemos a oportunidade e non o pensamos. Está causando unha expectación moi importante.
—Esperan moita xente.
—Sempre a hai. Pero esperamos que este ano aínda máis porque notamos que a xente ten moitas ganas de festa, e xa os días previos hai moito ambiente. Ademais, a xuventude de Rábade é «moi rabadense», moi asentada no seu pobo, e están empezando xa a preparar actividades coma o tradicional Tour da Cerveza.
—Ademais da festa, que outras novidades pode anunciar o Concello de Rábade?
—Estamos rematando un proxecto moi ambicioso e que sempre soñamos con sacalo adiante. É a rehabilitación do Barrio da Ponte na súa integridade. Acabamos tamén a reparación de todas as vías do Barrio de Vilardeseo; queda só un espazo pequeno que é da Deputación Provincial e temos un acordo para que o fagan inmediatamente. Ademais, imos acometer a reforma da Praza de Castelao e esperamos poder solucionar o problema de abandono da avenida de Vilalba, que é da Xunta pero estamos dispostos a chegar a un acordo para a súa merecida reparación.
programación
Venres 12
- As 21.00: a festa comeza coa lectura do pregón a cargo de Euloxio das Penas Fernández, seguido do descubrimento do Rei da Chaira polos Cabezudos.
- Tamén terá lugar a VIII Edición de Cantámoscha coa colaboración dos Estoupacaldeiros (con motivo do seu 40 aniversario).
- Estas actividades preceden a churrascada popular.
- As 22.30: comeza o XXVI Rabafolc coa actuación de Treixadura e Mekánika Rolling Band.
Sábado 13. DÍA DO RÍO
- O día comeza con dianas e alboradas a cargo Dos Últimos en Deitarse, no Campo da Feira.
- As 14.15: sesión vermú a cargo da orquestra Fama Celébrase tamén o Día do Río cunha xira campestre. Haberá carpa cuberta para todos os comensais; pódense reservar sillas e mesas a un prezo de dous euros por persoa no teléfono 982 39 00 62.
- As 18.00: ten lugar a XX Esbatuxada. Descenso do Río Miño en embarcacións de fabricación propia.
- A continuación terán lugar as competicións de tiro de corda, á beira do Río Miño. Participan adultos e nenos, en equipos mixtos (un grupo de seis integrantes, tres masculinos e tres femininos) e as inscricións fanse no propio río.
- As 23.00: verbena a cargo das orquestras Fama e América.
Domingo 14. DÍA DA BICICLETA
- Seguen as alboradas e dianas a cargo Dos Últimos en Deitarse.
- As 12.30: Festival de Bandas de Música no que participan a Banda de Torroso e a Banda Sons e Soños de Rábade.
- As 13.00: misa solemne, seguida da sesión vermú coa orquestra Atenas.
- As 18:00: comeza o XXII Día da Bicicleta, que consiste nun percorrido diferente polos barrios máis agochados da vila. A saída parte do Campo da Feira e chega á Praza de España. Ao remate haberá sorteo de agasallos e chocolate con churros. As inscricións realízanse ese mesmo día, as 17.00 horas.
- Ás 23.00: as orquestras Atenas e Combo Dominicano amenizarán a verbena.
Luns 15. DÍA DA DESCARGA
- Ás 13.00: misa solemne seguida dunha sesión vermú, ás 14.30, coa orquesta D`Noche, no Campo da Feira.
- Ás 18.30, na Prazuela: cada cinco minutos a Peña O Foguete lanzará unha bomba como preludio á Gran Descarga.
- As 19.00: III Subidón dos Avós. Unha subida dende o Ramal ata a Estación en vehículos de rodas fabricados polos avós e avoas, nos que conducirán os seus netos e netas. Haberá agasallos para todos os participantes. As inscricións realízanse as 18.30 horas.
- Ás 19.30: percorrido do Rei da Chaira, dende o Concello ata a Cantalarrana.
- Ás 20.30: XVI Descarga Pirotécnica con Carlos Rodríguez, da Peña O Foguete.
- Ás 23.00: verbena coa orquestra D`Noche.
- No descanso musical haberá unha sesión de fogos de artificio a cargo de Pirotécnica Astariz
MARTES 16. FESTIVAL CULTURAL A RABACA
- Ás 22.00, na Prazuela: concierto de El Pacto Rock Band, rendindo tributo a Bruce Springsteen e clásicos do rock. Contan, ademais, coa colaboración especial de Javier Alzola (saxofonista de Fito y Fitipaldis).
miércoles 17. festival cultural a rabaca
- Ás 13.00, na Prazuela: concerto de Andrea Vilar (piano) e Diego Segade (viola).
- Ás 20.00, no centro sociocultural: o grupo de teatro Penas de Rodas interpretará La parada de los sueños. Dream Stop.
Ás 21.30, na Prazuela: concerto de Hänselus, Nya de la Rubia y De Turrens Band. Ademais, terá lugar a presentación do videoclip musical rabadense NatuRaLmente.
O Concello de Rábade leva tempo implementando medidas para o aforro de auga e luz
Con motivo das festas, este mércores o alcalde de Rábade, Francisco Xosé Fernández Montes, pedía a través das redes a colaboración dos veciños para o aforro enerxético e de auga nun momento de seca no que resulta tan necesario.
Segundo explica o alcalde, dende o Concello levan tempo incorporando medidas para garantir un menor consumo de auga e luz. «Levamos varios anos con programas de eficiencia enerxética; practicamente o 100 % do alumeado é LED, incorporando caldeiras de peles e estamos traballando para cambiar a calefación do centro sociocultural».
Tamén Xosé Francisco conta que ata o momento non foi necesaria ningunha restrición no consumo, pero asegura que «non as descartamos. Se hai que tomar medidas drásticas, tomarémolas».