Un concerto conxunto de Capercaillie coa Real Filharmonía abrirá o festival Maré en Santiago
VEN A GALICIA
A cita coa música e as artes atlánticas volverá a Compostela do 21 ao 25 de setembro
11 ago 2022 . Actualizado a las 04:55 h.A terceira edición en Santiago do festival Maré, Músicas e Artes Atlánticas, que se desenvolverá entre o 21 e o 25 de setembro, contará cun concerto conxunto da banda de música tradicional escocesa Capercaillie e a Real Filharmonía de Galicia para erguer o pano. A orquestra dirixida por Paul Daniel volve a mostrarse deste xeito aberta a explorar ritmos máis alá do repertorio clásico.
A presenza da banda escocesa con máis dun millón de álbumes vendidos e a voz de karen Matheson non é o único nome destacado do adianto do cartel dado a coñecer pola organización. Así por diversos escenarios composteláns tamén pasarán a artista angolana Pongo, os brasileiros Orquestra Voadora e Chico César, o trío do Rajasthan Barmer Boys, as catalás Maruja Limón, a arxentina Sofía Viola e as galegas Antía Muíño e Guadi Galego, que pechará a súa xira «Costuras».
O avance da programación amosa unha proposta ecléctica e con moita presenza feminina. A angolana Pongo chegará coa súa fusión de kuduro, favela, funk e afrofunk e unha combinación de linguas. Desde Rajasthan, na India, os Barmer Boys achegarán as tradicións musicais seculares do folk e a música sufí. Pola súa banda, unha lenda viva da música brasileira, Chico César, presentará o seu novo traballo, «Vestido de amor». Do mesmo país procede a Orquestra Voadora —famosa polo seu «bloco» no carnaval de Río—, que encherá as rúas compostelás cunha gran festa carioca. Tamén desde América, neste caso desde Arxentina, chegará a canción de autor de Sofía Viola. Outro dos nomes destacados é Maruja Limón, o quinteto feminino residente en Barcelona que se caracteriza pola súa música vitalista.
Neste momento, están esgotados os primeiros abonos para as tres xornadas a prezo reducido que se puxeron á venda hai un mes. Iso si, pode adquirise o que dá acceso as actuacións que se celebren en Bonaval o venres 23 e o xoves 24, así como para algúns dos concertos xa anunciados.