Cultura no Camiño enche de teatro, danza, maxia, música e circo a área compostelá a través de 24 actuacións
VEN A GALICIA
O programa que busca fomentar as artes escénicas e musicais estenderá a súa programación ata o 10 de setembro
11 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Teatro, maxia, música, novo circo e danza chegarán a Ames, Boqueixón, Melide, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Rois, Santa Comba e Teo ata o vindeiro 10 de setembro a través de Cultura no Camiño. Trátase dun programa impulsado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura xunto cos concellos para fomentar as artes escénicas e musicais nos dez itinerarios xacobeos. O cartel do ciclo consta na área compostelá de corenta actuacións, das que restan por celebrarse 24.
A primeira iniciativa en axenda é mañá en Boqueixón con Circo Chosco e Riscando o ceo, un espectáculo que mestura maxia, risco, acrobacias e malabares. Será a partir das 10.00 horas nas instalacións do Forte. Para acudir é preciso reservar praza previamente a través do teléfono 981 513 115 ou no correo electrónico cultura@boqueixon.com. Nesta localidade xa se celebraron tres actuacións máis e aínda restan outras dúas. Píscore achegará o seu Concerto singular ao campo da feira de Lestedo o día 21 a partir das 19.00 horas. Xa o 4 de setembro, no mesmo marco pero ás 12.45 horas, será a quenda do ilusionismo coa proposta Hocus pocus do mago Paco.
Cultura no Camiño incluíu no seu cartel tres actuacións en Ames, da que resta unicamente unha: o grupo De Vacas, que ofrecerá un concerto á o día 28, ás 20.00 horas, no campo da festa da Ameixenda no marco da súa xira Beo Beo Xacobeo. Música e novo circo son as dúas propostas pendentes en Melide, que chegarán coincidindo coas súas festas de verán. O día 16 Xoán Curiel recalará co seu proxecto musical na praza do Convento a partir das 18.00 horas. Na xornada seguinte, no mesmo escenario e horario, haberá novo circo con SU.MA, que representará Ikigai.
En Negreira restan dúas das tres actuacións, pero nesta localidade chegarán en setembro. Tamén actuará Xoán Curiel, pero neste caso coa proposta Ao encontro de Martín Códax. Será o día 4, ás 18.00 horas, na praza do Ferreiro. Ese mesmo día, pero ás 22.00 horas, na carreira de San Mauro, Troula Animación ofrecerá o seu proxecto de novo circo SubUmbra. Por O Pino xa pasaron Peter Punk Pallaso e Teatro Babaluva, e o 1 de setembro, ás 12.00 horas, na praza do Concello, será a quenda da maxia da man do mago Antón, que ofrecerá Mil maxias máis.
En Ordes e Oroso, Cultura no Camiño deterase por primeira vez nas vindeiras semanas. En Ordes, coincidindo cos seus festexos, o día 15, actuarán Os Bregadiers. Desde as 19.00 horas encherán de swing, jazz e rock a Alameda. Ao día seguinte, a mesma hora, máis música, pero desta volta a cargo de Brassica Rapa. Xa en setembro, o día 9, haberá unha proposta de novo circo na Alameda ás 20.00 horas con Circo Chosco, que ofrecerá o seu espectáculo Forzu2. En Oroso, pola súa banda, a primeira parada será o 26 de agosto con danza a cargo de Pisando Ovos e o seu Give it a spin (21.00 horas, praza de Isaac Díaz Pardo). O día 30 haberá música da man de Magín Blanco e a Bandas das Apertas (19.00 horas, piscina municipal). E para rematar, o 2 de setembro, máis música, neste caso con Cora Velasco (21.00 horas, praza de Isaac Díaz Pardo).
Padrón, con tres propostas no cartel do programa impulsado pola Xunta de Galicia, ten dúas sesións pendentes: O espectáculo teatral do paporrubio e Varietes do animalario a cargo da compañía Paporrubio o 2 de setembro (19.00 e 21.30 horas no paseo do Espolón). Cultura no Camiño chegará a Rois na súa recta final. O día 30, a maga Fani ofrecerá Tres ilusionistas xenuín@s (12.30 horas, CEIP O Pumar de Urdilde). O 9 de setembro haberá contacontos con Caxoto (19.00 horas, Auditorio Municipal de Rois). Ao día seguinte, por último, chegará a música con A Banda do Verán e o seu Estamos no verán!! (19.30 horas, praza do Concello). En Santa Comba, pola súa banda, o 10 de setembro soará a música de Joel Padín (21.45 horas, Praza do Concello). Teo é o municipio da área compostelá con máis propostas de Cultura no Camiño, cun total de sete. Agora quedan pendentes tres. A vindeira cita será o 26 de agosto. Haberá teatro da man de Nelson Quinteiro Producciones, que achegará Pequeno Cabaré (19.30 horas, Campo de Santo Domingo). A despedida será coa música de Chuches Amil e o seu espectáculo Desenchufado 2022. O día 1 actuará na piscina municipal de Luou (18.00 horas) e o día 8 na piscina municipal de Os Tilos (18.00 horas).
A iniciativa volve a cinguirse á ruta xacobea tras ampliala a toda Galicia pola pandemia
Esta décima edición de Cultura no Camiño volve a recuperar o seu formato orixinal de fomentar as artes escénicas e musicais de carácter profesional nos municipios vinculados a algún dos dez itinerarios xacobeos. Nos dous últimos anos, hai que lembrar, as súas convocatorias ampliáranse a todas as localidades galegas como parte das medidas que a Xunta adoptou para apoiar o sector cultural no contexto das consecuencias derivadas da pandemia.
Con este programa, a Consellería de Cultura contribúe ás contratacións das diferentes formacións artísticas levadas a cabo polas entidades locais asumindo o 50 % do investimento necesario para afrontar os gastos de cada espectáculo programado en concellos de menos de 20.000 habitantes e o 40 % nos municipios que superen esta poboación de referencia.
Para a participación das compañías nesta programación, a Consellería, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), abriu un prazo. A condición era que se tiña que tratar de espectáculos producidos e distribuídos por empresas dedicadas ás artes escénicas ou musicais con sede en Galicia.
Preto de trescentas citas durante o verán repartidas por 88 concellos
O programa Cultura no Camiño nesta décima edición conta con 298 actuacións en 88 localidades polas que transcorren as rutas xacobeas. Nel participan 130 formacións artísticas, entre compañías de teatro, grupos de música, profesionais da maxia, colectivos de danza e formacións de novo circo. A Coruña é a provincia que acumula un maior número de citas, segundo detalla a Xunta, cun total de 96, seguida por Lugo, con 82. Pola súa banda, os concellos pontevedreses contan con 79 e os de Ourense, con 41. Por xéneros, destaca a música, ao achegar a este ciclo 113 concertos. Pola súa banda, o teatro para público familiar alcanza as 62 funcións ao longo do verán e o novo circo protagoniza sesenta.