
Unha degustación serviu como carta de presentación da cita que se organizará na última semana de agosto en Moraña
12 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Hai uns días, unha xornada de degustación de porquiño á brasa na taberna Marcial de Amil, no Concello de Moraña, e na que tamén se degustaron embutidos procedentes do Alcacén de Liñares (Campo Lameiro), serviu de aperitivo da cita que terá lugar a última fin de semana de agosto neste emprazamento e que implicará a programación dunha «serie de eventos en torno á degustación de porquiño á brasa tal e como se leva facendo na Amil dende fai máis de trinta anos».

Iso si, non vale calquera porco. Os que se cociñarán nesta ocasión son da raza porco celta, tal e como deixaron os organizadores dun evento que reuniu a medio cento de persoas. Entre elas, representantes das asociacións de veciños e da gastronómica de Amil. Todos eles gozaron coa carne procedente de criadores de porco celta da asociación Asoporcel, que tamén acudiron ao xantar. Nesta ocasión, cociñáronse unha femia de dezasete quilogramos e un macho de dezaseis: «Despois de estalos asando a brasa durante nove horas, púidose comprobar unha merma mínima no peso, só de 1,2 quilogramos, mostra indiscutible da calidade do produto», destacaron os organizadores, ao tempo que remarcaron o feito de que se trata de animais criados «en extensivo e co selo 100 % pura raza».

A este respecto, explicaron, citando datos do Ministerio de Agricultura, que a de porco celta era a raza «máis importante en Galicia ata comezos do pasado século, iniciándose a partir dos anos cincuenta unha importante redución censal debido principalmente á importación doutras razas cuxo crecemento era máis rápido». Isto explica que, a modo de exemplo, en 1951 só o 14 % dos porcos na comunidade eran desta raza, «chegando posteriormente á súa desaparición no territorio galego».

«Así foi como, a pesar de que xa non se catalogaban, fóronse mantendo algúns exemplares illados en diferentes redutos da Comunidade, que supuxeron os principais cimentos para a recuperación da raza a finais dos anos noventa», engaden dende Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta.