Patrocinado por

A Carballeira de Zas recuperou o seu trono

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

BASILIO BELLO

Milleiros de persoas acudiron ao retorno desta cita folk tralo parón por covid

15 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mesmo cando un leva preto de corenta anos facendo algo, hai marxe para seguir aprendendo. Hai tempo que a Carballeira de Zas deu ca fórmula do éxito, pero incluso despois dunha das edicións máis multitudinarias que se recordan, a organización seguirá traballando para perfeccionar un dos festivais folk de maior antigüidade e relevancia do país.

Non contaban na Carballeira —que retornaba logo do bienio pandémico— con semellante cantidade de público, e iso que a venda de entradas online foi moi superior á de anos anteriores, o que podía dar unha pista do interese do público pola cita. Pero toda expectativa quedou escasa. Onte á tarde os promotores aínda non manexaban cifras oficiais, mais non fan falla números cando os ollos certifican o evidente.

A Carballeira tivo altos e baixos ao longo dos seus case catro decenios de historia, anos mellores e anos peores, pero este 2022 entrará directamente ao «top» de edicións festexadas até o momento. Varias circunstancias e acertos organizativos confluíron nesta segunda fin de semana de agosto: unha meteoroloxía favorable, dous anos de seca por mor do covid, un cambio de data que evadiu citas tan concorridas como a Festa do Albariño de Cambados ou a Festa Folk de Pardiñas e un cartel que logrou chamar a atención de todo tipo de público e de tódalas idades.

Apenas pasaba das dez e media da noite do venres cando o campo da carballeira, ese «lugar sagrado» do que falaron os Heredeiros da Crus, se comezou a ateigar de ávidos festeiros. Ben é sabido que o desvergoñado grupo arrastra a unha horda de seguidores, mais A Banda da Loba e Mileth tamén deron «caña» suficiente para dar conta dun público que na súa maior parte repetiu na xornada seguinte.

Foi un sábado de escándalo en Zas. Moitos teñen pedido ao longo dos anos que se fomentase a faceta diurna do festival, e a organización así o está a facer. Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre encabezaron unha das sesións vermú máis multitudinarias que se recordan, e as longas ringleiras para sacar tiques para o xantar deron conta do volume de xente que por alí se moveu. Saíron quilos e quilos de mexillón e máis de vinte caixas de churrasco, pero tamén as famosas paellas que cada edición, sen falla, fan os responsables do restaurante catalán 5 hermanos, asiduos colaboradores con moita vinculación á vila soneirá.

Chegou a sobremesa, aderezada con pequenas foliadas improvisadas ao son da música tradicional, e tras ela, a noite. Arrancou o trío astur-andaluz Deira, que a pesar de ter experiencias no Celtic Connections de Glasgow e no Festival Intercéltico de Lorient, despedíanse do público zasense asegurando que a Carballeira foi «de los festivales más guapos en los que hemos tocado». «Inolvidable», dicían, antes de que tomase o escenario o ecléctico Xisto Feijoó. Tirou de espontaneidade, de momentos musicais que pareceron ser influenciados polas chirigotas e de moitas anécdotas persoais para vertebrar un espectáculo no que tamén tivo tempo para lembrar a esas mulleres gardiás da cultura popular. Acordouse, por exemplo, de Consuelo dos Queixos, carballesa recentemente falecida que surtiu de coplas a figuras da música tradicional como Xabier Díaz.

BASILIO BELLO

Foi o primeiro ano de Feijoó na Carballeira, pero «non vai ser o último». Así o dixo antes de abandonar o escenario para dar paso a Rura, a representación internacional deste ano. Escoceses, nada máis arrincar o seu concerto tiraron de raíz para deixar constancia, unha vez máis, dese vínculo celta entre as culturas galega e escocesa.

BASILIO BELLO

As irreverentes letras e os ritmos actuais de SonDaRúa pecharon un cartel que deixou un moi bo sabor de boca. Atractivo, variado, diverso. Había nese paraxe privilexiado familias, pícaros, maiores e moita mocidade festexando a cultura en comunidade. Un ambiente san, cordial e respectuoso co entorno.

Fidel Otero: «Sen os voluntarios, arredor dun cento de persoas, nada disto sería posible»

Onte á tardiña, tras ter recollido o máis urxente, o director da Festa da Carballeira, Fidel Otero, valorou moi positivamente a resposta do público a esta trixésimo sétima edición. Foron, di, días espectaculares. Aínda non o remataba de crer.

Considera Otero que varios foron os factores de éxito, pero principalmente alude á «calidade do cartel». «Tivemos un venres moi potente. Os Heredeiros teñen un tirón importante non só na comarca, senón en toda Galicia, e estaban moi ben acompañados. E o sábado foi espectacular. Xabier [Díaz] atrae a un público moi familiar, que queremos recuperar para a Carballeira, e nalgúns momentos a asistencia mesmo nos chegou a desbordar un pouco. A venda online foi maior que calquera ano anterior. Pensabamos que era pola diferenza de prezo, pero é que a venda física tamén foi bastante superior. Aínda non temos cifras oficiais, pero veu moitísima xente», reflexiona o director do festival.

Foron días de intenso traballo que non terían sido posibles sen o tecido de voluntarios que colabora nesta cita. Preto dun cento, cifra Otero, sen contar ás persoas que en momentos puntuais de moito apuro non dubidaron en botar unha man. Había voluntarios na billeteira, no control de accesos, nas barras de comida e bebida, na venda de tiques e merchandising... «Axudan moitos rapaces, pero tamén xente máis maior. Sen eles nada disto sería asumible, como tampouco sen os patrocinadores», reflexiona Otero, quen agardaba por unhas ansiadas xornadas de descanso logo dunha intensa semana de moito traballo e poucas horas de sono.

Aínda non é tempo de pensar na próxima edición, di, mais ten claro que sempre hai marxe de mellora, «de aprender dos erros, corrixilos e seguir avanzando nesta festa», conclúe.