Patrocinado por

A orquestra co escenario máis grande de Europa, 27 metros, desembarca na Mariña

CLARA REJES, J.A. ALFOZ / LA VOZ

VEN A GALICIA

clara rejes

Carballido, en Alfoz, con 256 habitantes, sorprende coas súas festas na honra a San Roque

17 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Son nove as parroquias coas que conta o Concello de Alfoz. Entre elas está Carballido, cunha poboación de 256 habitantes (segundo os últimos datos rexistrados polo INE) e cunha festa na honra a San Roque que sorprende, sendo unha referencia en agosto, e máis nesta edición polo programa que presenta. Ano tras ano, a comisión de festas intenta superar as expectativas que xeran as anteriores edicións. Iso obriga a un gran esforzo.

Ademais das tradicionais misas, procesións, verbenas e unha gran churruscada, esta ano súmase a primeira actuación na comarca da orquestra Kubo cun espectáculo que non deixará indiferente a ninguén. Será a primeira vez que actúe na Mariña, co seu escenario de 27 metros, do que se di que é o máis grande das orquestras en Europa. Hoxe a partir das 13.00 horas haberá misa, procesión e sesión vermú co Grupo Eureka, e pola noite verbena coa mesma formación musical. Xa o xoves, celebrarase o día grande para Carballido coa gran churruscada a partir das 21.00 horas e coa verbena ofrecida pola orquestra Kubo e a discoteca móbil Eventec.

Simón Maseda, portavoz da comisión, explica que a orquestra Kubo é unha das máis importantes de Galicia e que están moi orgullosos de poder contar con ela nestas festas. A agrupación musical, que naceu en 2016, ofrecerá un espectáculo único nun dos maiores escenarios de Europa. Con 27 metros de longo, composto por dous tráileres que compoñen un único escenario, e once metros de alto, tiveron que ampliar a entrada do campo da festa para dar cabida a tal infraestrutura.

«A min gustábame moito esta orquestra e aínda que temos un campo amplo, tivemos que retocar a entrada para poder contar coa presenza de Kubo. Para organizar as festas sempre contamos coa colaboración dos veciños, e durante todo o ano facemos cousas como vender lotaría, participando na Feira do Trece ou coa recadación da propia churruscada deste xoves», engade Maseda. De feito, este ano contan superar os rexistros da pasada edición, cando venderon máis de mil racións. Prepararanse 500 quilos de churrasco para todo aquel que queira probar esa receita única coa que contan en Carballido, por 12 euros a ración. E con elo, se o tempo axuda, esperan que asistan máis de 1.500 persoas, todo un mérito nunha parroquia que non chega ós 300 habitantes.

E despois Kubo, por primeira vez na Mariña. Carballido demostra que as parroquias pequenas, co esforzo e entusiasmo das comisións, poden facer festas que non desmerecen para nada ás das grandes vilas.