Patrocinado por

Yago Espasandín: «As visitas teatralizadas gustan porque a xente empatiza coas personaxes»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

ANA GARCIA

O actor cabanés ten proxectos deste tipo no Ecomuseo Forno do Forte de Buño, en Moeche e en San Andrés de Teixido

17 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cabanés, do 1996, o actor Yago Espasandín ten encarnado a unha decena de personaxes diferentes ao longo da súa carreira. O último: Antón, un oleiro que guía xunto cunha compañeira, Carmela, aos visitantes polo Ecomuseo Forno do Forte de Buño. As representacións comezaron a mediados de xullo e rematarán este sábado, ás 12.00 e ás 13.00.

—Que tal por Buño?

—Está indo moi ben! Estreamos no mes de xullo e remataremos este sábado. O primeiro que fixemos foi traballo de campo, indo ao museo, percorrendo as casas de Buño recollendo historias e anécdotas... Buscamos en que época encaixar a historia, porque ten que ter un certo rigor histórico, e finalmente decidimos que fose nos anos corenta, neses tempos de fame e posguerra. A nosa dramaturga, a marabillosa Susana Crespo, deulle forma a todo ese material que recopilamos e estamos moi contentos co resultado. O público está respondendo moi ben e empatiza moito coas dúas personaxes, Antón e Carmela, que encarnamos a compañeira Raquel Crespo e eu.

—Haberá máis sesións no futuro?

—Non sei exactamente cales son os plans, pero creo que, dada a acollida que está tendo, podería perfectamente ter continuidade.

—Isto das visitas teatralizadas alcanzou xa o seu cumio ou aínda hai marxe para seguir medrando?

—Eu son dos que din que non todo vale, que ten que ser traballo ben feito, pero si están aumentando [este tipo de propostas]. Hai varios factores que inflúen: hai comunicación co público e proximidade, ofrécese unha información histórica que a xente leva para a casa e os espectadores, en xeral, empatizan bastante coas personaxes. As teatralizacións teñen moito percorrido e poden ser un bo complemento á visita que a xente faga, por exemplo, ao Ecomuseo Forno do Forte. Nós movémolos polo centro, levámolos ver o torno, o forno, a pía, a lareira, ensinámoslles o fumeiro... A historia que representamos vai tamén da man do proceso e da forma tradicional de traballar o barro.

—Visitaraos xente tamén de fóra da Comunidade. Houbo algún problema por ser a representación en galego?

—Polo de agora non, ao contrario, veu xente de fóra á que lle encantou e que nos pediu que non cambiásemos o idioma, que lle gustaba moito escoitalo.

—Ten máis proxectos deste tipo entre mans este verán?

—Seguimos facendo cousiñas, si. Retomamos, por exemplo, unha peza no castelo de Moeche, na zona de Ferrolterra. E o 7 de agosto estreamos unha nova en San Andrés de Teixido, que é un lugar espectacular. Este era un proxecto que iniciamos tempo atrás, pero que por diferentes circunstancias foi quedando. Alí volveremos o 27 de agosto. É unha pasada poder traballar en sitios tan emblemáticos e en escenografías naturais tan espectaculares.

—Moito traballo, entón.

—Pois si, está sendo un verán bastante completo, porque entre facer as estreas, preparar as funcións e algunha cousiña que vai saíndo tamén por aí... Moi agradecido e, sobre todo, contento de poder volver gozar do público.

—Cantos personaxes terá xa encarnado nestes anos...

—Pois entre o Padre Sarmiento, o castrexo de Borneiro, o oleiro de Buño, Isidro Parga, Pondal, o conde da Penela e algún máis debo andar pola decena de personaxes xa!

—E aínda hai marxe para máis!

—É un traballo moi bonito e de cada un vas recollendo cousas. Pensei que era un tópico que adoitaban dicir os actores famosos, pero resulta que é certo! Espero poder seguir facéndoo moito tempo.