Patrocinado por

Martín Varela: «Queremos que o espectador ordene as ideas que nós lle lanzamos»

Gala Dacosta Diehl

VEN A GALICIA

Vanesa Rábade

O espectáculo Inventio, que combina distintas artes escénicas, viaxará por España e Portugal

19 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai persoas talentosas que destacan nun ámbito, e logo están aqueles seres especiais que fan ben moitas cousas. É difícil ser así, pois a vida pode levar a un por tantos camiños que ten que escoller e non pode deixarse levar polo azar.

Un deses seres ou artistas é Martín Varela (Ferrol, 1996), que tiña apenas oito anos e xa actuaba nas casas de amigos e familiares, nos festivais da escola, na rúa e alá onde lle deixasen. Facía trucos de maxia que se lle ocorrían a el ou que imitaba doutros grandes coma Tamariz. Rapidamente comezou a visitar teatros e auditorios, sorprendendo a todo o mundo co seu xenio, mesmo cando non era máis ca un cativo. Adoraba facer maxia e compartila co resto, e ségueo facendo hoxe aos seus 25 anos, cando xa non pode considerarse un divertimento infantil.

Acaba de presentar en Compostela o seu novo espectáculo, Inventio, cuxa xira dará comezo no Teatro Jofre de Ferrol o día 30 de setembro. Esta primeira actuación abrirá unha xira por ata 15 escenarios que percorrerán Portugal, Galicia e outros lugares de España.

Xa non é un neno, pero o nome co que se deu a coñecer continúa vixente: o Mago Martín. Á pregunta de como prefire que o chamen, contesta con sorna que lle gustan as dúas. «Todo o mundo me chamaba Mago Martín e despois fixen o cambio de nome artístico, como se así fora a facerme maior. A mentalidade que teño segue a ser a mesma, para que enganarnos», conta.

Inventio é un proxecto que naceu conxuntamente coa promotora Thinking up event no ano 2018 coa intención de crear un híbrido de maxia, circo, danza, música en vivo... Toda unha aposta creativa. E é que ademais de mago, é historiador da arte e produtor. Cando era pequeno facía ballet e ximnasia rítmica e seus pais levábano a todo canto circo visitaba a súa cidade: «O circo sempre combinou diferentes disciplinas e eu fixeime niso antes da maxia. Logo, a formación como historiador da arte axudoume a pensar no diálogo entre patrimonio e espectáculo».

Unha aposta que bebe de tantas fontes precisa dun equipo detrás grande, experto e sen medo. Por iso, máis de 50 persoas traballan en Inventio. Entre elas están grandes cerebros da escena galega como a coreógrafa e bailarina Mercedes Suárez ou o director de escena José Luis Prieto. Aínda que os medios insistimos en falar con Varela, el insiste: «Somos unha gran mente colectiva e eu funciono como pegamento porque a maxia vai entrelazando todo no espectáculo».

Temos tendencia a imaxinar o futuro moi escuro, e Inventio está ambientado na Galicia do ano 2094, último ano Xacobeo deste século. Que ocorrería se desaparecese o camiño de Santiago, se non tivésemos unha cultura diferenciada? Varela ten claro que non podemos deixarnos levar polo pesimismo: «É un espectáculo que trata sobre redescubrirnos, inspirado na estética da Bauhaus; haberá moita luminosidade e moita cor branca. O concepto pode ser escuro, pero a estética é o contrario, queremos transformar ese pasado escuro noutra cousa. Nós queremos que o espectador sexa quen ordene as ideas que lle lanzamos». Outra curiosidade da versatilidade do espectáculo é que inicialmente ía ser só en galego, pero irase adaptando. As partes faladas serán en castelán fóra de Galicia e en Portugal será en portugués. O mago rise e di que como bo galego, se non sabes portugués, todo é inventar un pouco.