Haberá actividades musicais e obradoiros ao longo de todo o día, ademais de concursos para nenos e para decorar balcóns do barrio
23 ago 2022 . Actualizado a las 17:02 h.O Concello de Lugo organiza este xoves 25 de agosto na Tinería unha nova festa temática, a Festa das Flores, como unha das accións de dinamización específicas postas en marcha para o desenvolvemento económico e social deste barrio da cidade. Esta iniciativa enmárcase no movemento Localmente Lucense que puxo en marcha o executivo municipal trala pandemia para encher de vida as rúas e barrios de Lugo, ao tempo que se dinamiza o comercio e a hostalería local.
A Festa das Flores, que se celebrará ao longo de todo o día, de 11.00 a 23.30 horas, contará cunha sesión vermú con pinchadiscos, obradoiros e contacontos para nenos, un concurso infantil de debuxos, un concurso con premios en metálico de balcóns dos locais do barrio, un mercadiño de flores, paseos de zancudos e, como peche final, unha actuación musical.
A concelleira de Desenvolvemento Cultural, Ana Abelleira, sinalou que haberá dous certames nos que os premios consistirán en vales para gastar nos establecementos adheridos ao movemento Localmente Lucense, «polo que ao tempo que premiamos a participación dos cidadáns, estamos a impulsar a economía das pequenas e medianas empresas da cidade».
Toda a información sobre o evento, así como as inscricións e as bases dos concursos poden atoparse na páxina web http://localmentelucense.gal/festadasflores/.
Concursos
O balcón das flores. As persoas e comercios do barrio da Tinería poderán inscribirse para participar neste concurso, antes da 12:00 horas do día do evento. Consistirá en decorar o chan do voladizo do balcón, colocar flores suspendidas, amarradas na reixa ou en guías pola fachada. Pódese empregar calquera material, pero as plantas deberán ser naturais, sexan de floración ou non, en substrato vexetal.
Valorarase non só a estética e a creatividade, senón tamén a sustentabilidade da intervención e a versatilidade da proposta en función da estación. Repartiranse tres premios: un primeiro premio consistente nun vale de 350 euros para gastar nos establecementos adheridos a Localmente Lucense, un segundo de 175 euros e un terceiro de 75 euros. Tamén haberá cinco accésits por valor de 25 euros.
Concurso infantil de debuxos de flores e xardíns. Os nenos e nenas de ata 11 anos, incluidos, poderán presentar as súas creacións en formato A4 cos seus materiais favoritos. Expoñeranse e sobre as votacións populares farase reconto para a entrega dos premios. O neno ou nena gañador terá un vale de 50 euros para gastar nos establecementos Localmente Lucenses e o segundo e terceiro clasificado recibirán un vale de 25 euros.
Programación da Festa das Flores
- De 11.00 a 21.00 h. Música e photocall
- De 11.00 a 12.00 h. Pasarrúas con carriño musical.
- De 11.00 a 14.00 h. Apertura do mercadiño de flores.
- De 11.00 h. a 12.00 h. Obradoiro “Xardinería de balcón”.
- De 12.00 h. a 13.30 h. Obradoiro infantil “Postais florais”.
- De 12.30 h. a 14.30 h. Paseo dos zancudos.
- De 13.30 h. a 15.30 h. Sesión vermú a cargo de DJ Alex Mei.
- De 17.00 a 21.00 h. Apertura do mercadiño de flores.
- De 18.00 h a 19.30 h. Obradoiro infantil “Saquiños de perfume floral”.
- De 19.00 h a 21.00 h. Paseo dos zancudos.
- De 19.30 h a 20.30 h. Caxoto contacontos.
- De 20.30 h a 21.00 h. Deliberación do concurso “O balcón das flores”.
- De 21.00 h a 21.30 h. Deliberación do concurso infantil de debuxos.
- De 21.30 h. Entrega de premios.
- De 22.00 h a 23.30 h. Actuación musical de La Disquetera.