O Demo volveu pisar as rúas de Pontevedra movéndose entre fume, trasnadas e música
VEN A GALICIA
A festa sairá de novo dos Arcos de San Bartolomeu ás 20 horas, e pola noite haberá foliada en Curros Enríquez
23 ago 2022 . Actualizado a las 17:13 h.A Festa do Demo volve tinguir de cor vermella este martes algunhas das rúas da cidade de Pontevedra. A saída do Demo e do seu séquito dos arcos de San Bartolomeu co fin de percorrer as rúas e prazas do centro histórico promete ser un acontecemento un tanto maligno, si, mais tamén unha cita onde a diversión, a sorpresa e a tradición popular son conxugadas nun mesmo espazo e nun mesmo tempo.
Ás 12.30 horas deste martes, día de San Bartolomeu, o Demo fixo a primeira saída, e ás 20 horas, a comitiva volverá saír para facer de novo o percorrido, por se algunha crianza e demais ollos curiosos da Boa Vila perderon a oportunidade pola mañá.
O programa da Festa do Demo inclúe tamén música. Ás 21 horas comezará o concerto de San Bartolomeu ofrecido pola Banda de Música de Salcedo na praza de José Martí. Media horiña máis tarde, ás 21.30 horas, iniciarase a Foliada do Demo cos Chichisos na praza de Curros Enríquez.
Tradición recuperada
A Festa do Demo é os seus 21 nos de renovada historia, simbolizan o éxito evidente que supón a recuperación de festividades e celebracións tradicionais, prohibidas e perdidas no seu momento. Esta festa é un exemplo dese folclore popular tan noso, que cómpre manter vivo no tempo, ao demostrar a súa vixencia á hora de ofrecer divertimento e festividade nos tempos actuais, amosando unha preocupación pola etnografía pontevedresa.
No seu día, a recuperación desta cita foi un labor de investigación de enorme interese á par que complexo, perante a dificultade de atopar información sobre a celebración en si. O rastrexo principal levouse acabo a través do libro Pontevedra, boa vila, que conta cun texto de Vicente Risco e un par de ilustracións de Agostiño Portela.
Por suposto, subliñan desde o Concello de Pontevedra, a veciñanza tamén axudou, sendo fontes orais de referencia, ao contaren quen era Dominguiños, un pontevedrés daquela época, que sempre exercía de demo. Este Dominguiños era un antigo aprendiz de electricista, logo vendedor de décimos de lotaría, mais lembrado na memoria popular por exercer de Lucifer chegado o momento adecuado, intre do que nenos e nenas fuxían, malia que tamén sabían que podían obter algún que outro agasallo del en forma de caramelo.