O encontro que homenaxea a Uxío Novoneyra aposta pola vangarda
24 ago 2022 . Actualizado a las 13:19 h.O Eidos Fest, enmarcado na rede de festivais literarios illados Erasmus+, devolve a poesía ao Courel entre os días 24 e 28 de agosto. Será en Parada, na casa natal de Uxío Novoneyra, sede da fundación que defende o seu legado e onde cobra forza a homenaxe ao gran bardo. Pero pasará tamén por lugares veciños como Becerreá. Nesta plataforma Erasmus+ bulen outros proxectos similares en Europa que poñen en valor a lingua e a literatura de comunidades cunha cultura propia. O encontro lugués está dirixido por Branca Novoneyra —ela insiste en que é unha organización coral— e contará coa presenza de autores como Manuel Rivas, Olalla Caamaño, Joseba Sarrionandia e Nieves Neira.
Non é un empeño novo. Con varias edicións ás costas, o Festival dos Eidos levou o recoñecemento da audiencia no Culturgal 2019 e gañou a distinción ao mellor festival de non-música nos Premios Ibéricos do 2020. Desta vez, a ollada póusase sobre o drama dos incendios forestais que castigan o interior galego. Despois do lume provocado por un raio que devastou este verán máis de once mil hectáreas no Courel, Federico García-Cabezón será protagonista —30 anos despois— coa súa consagrada serie fotográfica Queimados.
O fogar de Novoneyra acolle novamente —na súa sétima edición— un programa de actividades para todos os públicos que xunta natureza, aprendizaxe, música e poesía, e que aposta desta volta pola vangarda. De carácter local, pero con proxección internacional, entre as propostas, poesía escénica, recitais, exposicións, preestreas de cinema e concertos. Soarán as músicas de Xico de Cariño, Radio Océano, Ruper Ordorika, The Rimbaud Company e Enxeito, entre outros. Tamén se presentará a longametraxe sobre Xela Arias Os espazos en branco, dirixida polo seu sobriño Bruno Arias, e lembrarase ao vate Carlos Oroza.
Acudirán artistas doutros países para dar unha perspectiva dende fóra do continente. A creadora brasileira Cinthia Mendonça (Minas Gerais, 1980), da organización de produción artística cidadá Silo, dirixirá un obradoiro sobre integración da veciñanza nos centros culturais.