Patrocinado por

Proseguen as rutas guiadas polo estanque da Seca en Cambados

La Voz CAMBADOS

VEN A GALICIA

Serán o 30 de agosto e o 6 de setembro

01 sep 2022 . Actualizado a las 15:34 h.

O programa deseñado pola concellería de Turismo de Cambados para conmemorar o 400 aniversario do Muiño da Seca continúa as súas actividades. As visitas guiadas para coñecer a flora, a fauna e o patrimonio do estanque da Seca, que comezaron o pasado día 9, entran na recta final coas dúas últimas saídas programadas para os vindeiros martes 30 de agosto e 6 de setembro.

De igual xeito que as tres xornadas anteriores, as actividades serán de balde e estarán monitorizadas por guías expertas.

O punto de encontro será ás 10.30 horas no Muíño da Seca, en grupos de máximo 25 persoas e unha duración de tres horas.

Recoméndase roupa e calzado cómodo, así como prismáticos quen os teña, aínda que tamén os haberá a disposición dos asistentes.

Dado que as prazas son limitadas, as persoas interesadas deberán enviar a súa inscrición a través dun formulario que lle facilitarán a través do correo electrónico turismo@cambados.es ou no teléfono 986 52 07 86 da Oficina de Turismo de Cambados.

A concelleira de Turismo, Mila Martínez, expresa a súa satisfacción pola acollida desta iniciativa na que xa máis de medio cento de persoas puideron descubrir a contorna natural do embalse da Seca e a súa historia.

As visitas guiadas forman parte do programa de conmemoración do 400 aniversario do Muiño da Seca co que «queremos divulgar o coñecemento sobre un ben patrimonial de incalculable valor, xa que as persoas coidamos mais aquelo que coñecemos e valoramos» indica a edil.

O proxecto desenvólvese ao amparo do Galp Ría de Arousa.