A chacona, a forma musical e danza con raíces xacobeas que reinou 300 anos
VEN A GALICIA
O Museo das Peregrinacións percorre as orixes e importancia da estrutura compositiva que recolleu por escrito por primeira vez un peregrino inglés en 1456
27 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Os compositores Bach, Monteverdi e Frescobaldi, entre outros, incluírona nas súas composicións. Cervantes, Lope de Vega, Góngora e Quevedo, nas súas obras literarias. Luis XIV bailouna no teatro de Versalles. Trátase da chacona, a protagonista dunha exposición no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Pero, que é? «A chacona é unha danza, unha forma musical e unha estrutura compositiva que foi utilizada durante trescentos anos sen parar. Practicamente todos os compositores desde o século XVI ata finais do XVIII integraron a chacona nas súas obras». Deste xeito a define Fernando Reyes, o comisario da mostra, director do grupo Resonet e especialista na investigación do patrimonio musical relacionado con Compostela. E que ten que ver a chacona con Santiago? A resposta é a principal achega da exposición. Esta canción, segundo destaca, ten raíces xacobeas. «A primeira vez que aparece é en Santiago. Foi anotada polo peregrino inglés William Wey no se seu diario en 1456 despois de escoitarlla a uns nenos na Catedral», detalla.
Precisamente, a reprodución desa primeira chacona escrita da que se ten constancia supón a cerna da mostra que poderá visitarse ata o 30 de outubro no Museo das Peregrinacións. Está acompañada por entorno a 120 pezas, entre as que figuran obras artísticas orixinais, gravados, fondos documentais e musicais, reproducións, instrumentos e libros de música.
A chacona. A canción de Santiago atrae ao visitante desde a mesma entrada do museo, con temas interpretados por Resonet —presentes durante todo o percorrido—, e cunha anotación de danza no chan. A mostra está dividida en dúas salas. A situada no andar inferior ofrece unha aproximación a esta danza e estrutura musical, desde a súa definición á primeira vez que aparece escrita a palabra «chacona» en 1599. Tamén profunda nas diversas teorías da súa orixe: a procedencia de América, como citaba Cervantes, —«a chacona escrita por Wey é anterior ao descubrimento», di Reyes—, a africana —«aquí si había instrumentos para poder interpretala»—, a italiana —vinculada ao canto de cego—, e a que proviña do demo —«dicíano porque era unha música que producía efectos e facía que o que a escoitaba se movese»—. «Este novo documento coa chacona escrita por William Wey non crea unha nova teoría, senón que é un documento que desmonta todas esas teorías, sobre todo a que procede de América», afirma o investigador.
Esta primeira parte da mostra tamén conta con múltiples partituras de composicións así como obras literarias que a recollen, incidindo, ademais, no papel clave que xogou a guitarra barroca na súa difusión.
Sempre guiado por gravados de Callot onde queda patente a relevancia da muller na música, o percorrido prosigue polo primeiro andar, onde se profunda no vínculo da chacona con Santiago, empezando xa polas similitudes no nome: «jaco». Xunto a instrumentos, tamén se achegan pezas para incidir nesa relación estreita. Entre elas, unha reprodución do Códice Calixtino, no que se recolle a composición Vox Nostra Resonet. «A miña teoría é que esta peza podería ser a verdadeira orixe da chacona», explica Fernando Reyes.
Á reprodución do diario de William Wey coa anotación da chacona, úneselle o mapa da súa viaxe, así como a autorización que lle outorgou o rei Henrique VI, e o retablo de Goodyear —préstamo da Catedral—, que foi regalado ao arcebispo de Santiago no ano 1456 polo párroco inglés de Chal (illa de Wight). Segundo detalla o comisario, ambas estancias poderían estar vinculadas ao interese de Henrique VI de coñecer o fenómeno da peregrinación para facer el tamén un santuario. Todo un percorrido para amosar que «en certo xeito, todas as chaconas están relacionadas con Santiago nun sentido profundo».
«É o maior descubrimento patrimonial relacionado con Santiago en cen anos»
O canto que o peregrino inglés William Wey transcribiu no seu diario de peregrinacións ten moita importancia porque «é a única música escrita por un peregrino nun diario despois de visitar Santiago», afirma o comisario. Indica que despois de analizar a peza, nas investigacións que levan feito el e Mercedes Hernández —Resonet—, viron as similitudes que tiña coa chacona, tanto na estrutura musical como no texto. Ademais, aínda que Wey visitou tamén Xerusalén e Roma, só incluíu a canción que escoitara «ante peregrinacione» en Santiago, isto é, ou no entorno da catedral ou xa no seu interior. Esta vinculación da chacona e Compostela, «é o maior descubrimento patrimonial relacionado con Santiago e os camiños nos últimos cen anos. O anterior foi o Códice Calixtino, a mediados do século XIX», afirma o comisario.
Fernando Reyes resalta como esta música acabou invadindo todos os ámbitos da vida. Era utilizada na igrexa, pero tamén nos teatros, nos palacios, nas casas particulares... Ademais, demostra que «Santiago non só recibiu correntes artísticas, senón que participou proporcionando distintos elementos que foron difundidos por Occidente». Apunta que ademais da chacona, en Compostela ten as súas raíces o pasacalles e a folía.
A partir de agora, o obxectivo que se marca Fernando Reyes é difundir este vínculo de Santiago e a chacona, xa que se trata «dun patrimonio inmenso». A ese fin van encamiñados un disco e un documental que verán a luz proximamente.