Patrocinado por

A 40.ª edición das Festiletras bota a andar cos máis pequenos

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

BASILIO BELLO

O Couto, en Ponteceso, estará pleno de actividade ata domingo: así se presenta esta primeira xornada 

01 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o día, chegou o ano, e nel concentrarase a emoción do vivido nos últimos catro decenios. As Festiletras do Couto, en Ponteceso, están de redondo aniversario, e hoxe bota a andar un extenso programa deseñado dende a Fundación Pondal que seguirá ata o domingo. Música, contos, teatro, artesanía, pintura, divulgación, conciencia, coñecemento propio, Festiciencia, regueifa, moita literatura... De todo isto haberá, este xoves cunha xornada pensada para os máis novos.

A zanqueira Vanessa Rivas, o teatro de O galo Quirico, os contos de Patas con peixe ou a música de Paco Nogueiras acompañarán un percorrido festivo por toda a aldea, das 11.00 horas en adiante. En paralelo, os pequenos participantes na tamén 40.ª edición da Escola de Verán poderán achegarse a testemuñas femininas dun tempo que non queda tan lonxe, mais do que non cómpre desmemoria. Omar Rabuñal, que xa ten feito máis traballos divulgativos coa Fundacion Pondal, dirixe Que o conten elas, unha reportaxe documental para a que seleccionou as vivencias de mulleres da zona «que tiveron unha vida difícil, coma case todas as da súa época», conta el mesmo. Polo difícil acceso á educación, por ter traballos moi duros que as levaban a camiñar 40 quilómetros diarios para vender peixe ou leite, ou por terse visto discriminadas polo simple feito de ser mulleres. Á hora de entrar nun bar, á hora de regueifar ou mesmo de poñerse a traballar nun torno oleiro. Dende a voz de menor idade, a da coristanquesa Lupe Blanco, ata a máis veterana, de Corme, cos 90 a voltas, hai un bo número de testemuñas: «A maioría teñen entre 60 e 90», cifra Rabuñal. Deste traballo ten feitas dúas versións en canto a duración, se ben a que se proxectará hoxe será de 15 minutos. A proposta inclúe logo actividades coa escritora Andrea Maceiras. Con ela os nenos e nenas traballarán a visión de xénero, «dun xeito interactivo». Ben pode ser a través de promoción, de entrevistas ás protagonistas —que estarán alí presentes—, de divulgación a través das redes sociais...

Tres mestres para a noite

De Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e José Luís Gutiérrez, Guti, din que teñen un universo propio, unha voz singular e un xeito especial de contar historias. Eles serán os encargados de pechar este primeiro día de Festiletras con Tres vellas (polo menos), que vén a ser a demostración (ou non) de todo o anterior, pero sobre todo son contos e historias da sabedoría colectiva das persoas que llos contaron. Con ironías, pausas, elegancia...: 22.00 horas.

«O máis importante é que nos veñades visitar»

En véspera do arranque das 40.ª Festiletras, e fronte a esa creación artística que deixará perenne a pegada deste milagre cultural, lembrouse onte o extenso programa de actividades que, dende hoxe ata o domingo, dinamizarán a aldea do Couto. «Corenta anos de Festiletras, catro días de celebración. Todo o mundo é benvido no Couto», afirmou o presidente da Fundación Pondal, Lois García Carballido, tamén alcalde de Ponteceso. Unha celebración das Letras única en Galicia que, afirmou, nunca sería posible sen o traballo da propia fundación pondaliana, pero tampouco sen a colaboración da asociación Monte Branco, o consistorio, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e tantas empresas privadas que brindan o seu apoio para esta iniciativa. «Pero sobre todo, sería imposible sen o voluntariado», expresou.

Nesta presentación, acompañado Lois polos artistas de Mutante Creativo que xa traballan no Couto, así como por Xosé María Varela e Adrián Varela, en representación da Fundación Pondal, lembrou que o sábado será, aínda máis, «un día especial». Será nas Festiletras, en Ponteceso, onde se celebre o día da provincia. Rubrícase un acordo coa Deputación mediante o cal o ente provincial achegará, para este 3 de setembro, a posibilidade de subir en globo aerostático durante toda a xornada. «Música, artesanía, arte na rúa, todo tipo de manifestacións culturais, pero falta o máis importante, que nos veñades visitar ao Couto». Motivos non faltarán, con propostas para gustos e idades variadas.

A carpa non era a primeira opción, pero...

Acción, reacción. Non era a primeira opción, como contaron por redes dende as Festiletras, pero houbo que acollerse a ela. As previsións de tempo para a fin de semana non son as mellores, así que haberá carpa, con extensión abonda para acoller aos festivaleiros. Polo de pronto, a continuación, o programa ao detalle para hoxe: 

 Xornada de mañá

«A aldea do coNto». Baixo este xogo de palabras que une as ideas de «aldea do Couto» e «aldea de conto» sucederanse ao longo da mañá de hoxe un bo número de actividades entre as 11.00 e as 13.30 horas, dirixidas a público miúdo e familiar. Haberá, así, un percorrido polos «ghaliñeiros» de aldea, na compaña da zanqueira Vanessa Rivas.

ANA GARCIA

Teatro enxebre da man de «O galo Quirico», obradoiros e contacontos con «Patas de peixe» e música a cargo de Paco Nogueiras entreterán aos máis novos durante toda a mañá. Afianzando a semente é como dende O Couto levan anos reivindicando o futuro para o rural. 

Omar Rabuñal
Omar Rabuñal Ana Garcia

«Que o conten elas». Tamén en horario de maña, entre as 11.00 e as 13.30 horas, proxectarase o documental «Que o conten elas», dirixido por Omar Rabuñal. Logo, traballarase con visión de xénero da man de Andrea Maceiras.

Tres vellas (polo menos)
Tres vellas (polo menos) BASILIO BELLO

XORNADA DE NOITE

«Tres vellas (polo menos)». Chega forte a primeira noite de Festiletras, con tres voces referenciais da narración oral en Galicia. Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e José Luis Guitérrez, Guti, ofrecerán a proposta «Tres vellas (polo menos)», prevista para as 22.00 horas. Donativo: 8 euros.

Intervención de Cestola na Cachola
Intervención de Cestola na Cachola BASILIO BELLO

TODA A SEMANA

«Muta O Couto». Hai algún tempo que a filosofía de «derribar muros» con arte tamén calou na aldea do Couto, onde locen paredes cargadas de mensaxe e cor. Nestas corenta Festiletras seguirase traballando nesta liña e, e feito, as intervencións xa teñen comezado, polo que estes catro días iranse vendo os avances e resultados. Mutante Creativo, con Sokram e Mou; Cestola na Cachola e Juan Rivas deixarán a súa pegada en tres localizacións distintas, segundo indicou Xosé María Varela, xerente da Fundación Pondal: unha eira, unha parede e postes da luz de cemento. Unha mutación, un novo xeito de mirar.