Patrocinado por

O FIC Verín achega o cinema aos cativos da man da narradora Raquel Queizás

La Voz OURENSE / LA VOZ

VEN A GALICIA

A manifestacións do entroido en varios países chegaron ao festival co pase de varias curtametraxes

02 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O FIC Verín volveu con forza logo da pandemia. As actividades están a encher a vila de propostas culturais e o Festival Internacional de Curtas, o FIC Vía XIV, recuperou as propostas axeitadas aos futuros espectadores do audiovisual. Da man da narradora oral Raquel Queizás o certame desenvolveu este xoves a primeira entrega de Sopa Cómica, unha proposta que ten como obxectivo achegar aos máis cativos ao cinema. Case que douscentos rapaces de Verín e da comarca achégaronse ao Auditorio para gozar en directo dalgunhas das curtas que foron especialmente programadas para eles, co obxectivo de que coñeceran o cinema e entraran en contacto cos valores que o mesmo transmite. Dúas quendas, unha para rapaces de entre 2 e 7 anos e outra para os de 8 a 12 anos, nas que os pequenos espectadores puideron coñecer á enxeñosa Mabel Normand ou á camaleónica Collen Moore, ao polifacético Charles Chaplin ou ao xenio Buster Keaton. Tamén tiveron tempo para rir cos comediantes Laurel e Hardy —o Gordo e o Fraco— ou cos inigualables Irmáns Marx —Groucho, Harpo e Chico—, entre outros. Os rapaces votaron pola súa curta favorita.

 O proxecto Sopa Cómica ten este venres unha segunda entrega no marco do Festival Internacional de Curtas. 

O entroido como referente

O certame acolleu entre as actividades paralelas a proposta Entroido, outras miradas. Na mesma amosáronse pezas sobre esta tradición en lugares como Haití, Euskadi ou Ucraína. Tamén se recuperou Peliqueiros, traballo de 1973 do Equipo Lupa.