Arrancaron as Festiletras: «Aquí hai moita enerxía, dende hai moito tempo»
VEN A GALICIA
Inclúe álbum de fotos | Arrancou na aldea do Couto unha nova edición das Festiletras, que continuarán ata este domingo
02 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Semella que a chuvia quixo bendicir a 40.ª edición das Festiletras. Arrancaron onte no Couto, nun día de pingueiras madrugadoras sobre esta aldea pontecesá. Mais fose cousa de milagre ou dos ovos a Santa Clara, cando por Tella ou Pazos aínda chovía, sobre O Couto abriuse a iso das once e cuarto un claro que ás dúas da tarde seguía sen pechar. Baixo a carpa instalada no exterior da Fundación Pondal chegou a facer calor, boas temperaturas suficientes para que algún pequeno lagarto saíse a pasear polos valados, xusto enfronte de onde Mutante Creativo seguía avanzando no seu galo das Festiletras pintado nunha eira.
Aínda que o claro chegou, houbo que tomar, iso si, decisións. O de onte era un día especial para os máis novos. «Isto íase facer de galiñeiro en galiñeiro, percorrendo a aldea, e era unha ideaza, pero non puido ser. Fixemos un brainstorming e saíu ben», contaba Laura Sáez dende a editorial Pata de Peixe logo de ter encarnado a unha pita. «Quixemos mesturar varios contos», e así que foi que A vaca que puxo un ovo conviviu á perfección con O galo Quirico, atopándose as personaxes e encandilando aos nenos da Escola de Verán, e visitantes, na historia do galo que vai a unha voda, que polo camiño come un verme, enzoufa o morro, quere enganar a unha galiña e logo un burro...
Foi a zanqueira Vanessa Rivas quen fixo de galo, mentireiro, trapalleiro e larpeiro, pero logo arrepentido. As Festiletras non lle son descoñecidas: «Aquí sempre me reciben con moita ilusión e calor humano. Hai moita enerxía, dende hai moito tempo. Pese á chuvia agradecemos ter a flexibilidade de ir improvisando, e ao final o que importa é que os pequenos gocen e o pasen ben», contaba despois da súa intervención. «As Festiletras ou Riobó (cita á que tamén é asidua) son desas datas que hai que apuntar no calendario. Festas feitas con coidado, con mimo, con amor», engadía. Pouco despois, de par de Xosé María Varela, xerente da Fundación Pondal, e de actores xa da casa, como Yago Espasandín, a quen onte lle tocou ser burro ou paxaro, volvía incidir nesa «enerxía» do Couto, un microscomos no que, aínda que as cousas se torzan, sempre se lles busca solución, e incluso melloría. Tanto así que Sáez e Rivas non se coñecían, pero a improvisación conxunta de onte ben podería ser «xerme de futuras colaboracións».
«Esta é unha terra de artistas, ben se ve que sodes xente espelida», comezaba despois Paco Nogueiras o seu concerto Extra!, unha rítmica e aplaudida actuación a base de «noticias» que pechou cun «Longa vida ás Festiletras!» e un par bises.
Foi unha mañá intensa para os máis novos, pero tamén para todos os voluntarios e colaboradores, que centraron esforzos en reubicar a cuberto espazos que albergarán actividades nestes vindeiros días. Cabanotes, pendellos, entradas a vivendas... Haberá acubillo. Percorrer a «aldea de coNto» estes días é unha viaxe pola imaxinación, e mesmo pola historia. Fronte a un destes escenarios rurais, unha das voluntarias sénior era entrevistada onte á unha da tarde por un neno. Faláballe ela dos anos 60, que semellaban para el Prehistoria. Foi parte dun achegamento ás protagonistas do documental Que o conten elas, de Omar Rabuñal, unha das actividades para traballar a visión de xénero da man da escritora Andrea Maceiras.
Pola noite, a Praza do Quinteiro seguiría albergando historias, contos e sabedoría popular con Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín ou José Luis Guitiérrez, Guti.
O programa de hoxe
Festiciencia
De 11.00 a 13.30. Conexión literatura-ciencia coa participación de varios autores —Rosa Aneiros, Miguel Mato, Suso Lista, Alexandre Nerium, Sabela Fernández, Erica Esmorís e Olaia Sendón— e a realización de actividades como a creación dun colgante con polímero termomoldeable e sensor NFC, a elaboración dun vídeo en stop motion, un taller sobre plásticos ou un xogo de pistas tecnolóxico. Tamén haberá unha sesión demostrativa de Polos Creativos (Vermislab) e un espectáculo teatral coa compañía Os Quinquilláns. Será no Quinteiro: «Por que é salgada a auga do mar?», leva por título.
Tarde Noite
19.00. A tarde-noite de hoxe estará marcada pola música. Abrirá o grupo carballés Lowcos, fundado en 2008 e con moitos temas propios que se encadran no xénero do pop electrónico, fundamentalmente. Salvo cambios de última hora propiciados polas condicións meteorolóxicas, está previsto que actúen na Eira de Pailetes.
20.00. Concerto da banda cercedense Zënzar, que vén de lanzar novo álbum, Benvidas ao futuro. Curiosamente, teñen compartido escenario en varias ocasións cos carballeses Lowcos. Unha das últimas foi o pasado mes de febreiro, nunha potente noite de música e amizade no Casino 1889.
Noite
22.00. O grupo de teatro afecionado Badius, con base en Baio e preto de corenta anos de andadura, interpretará a súa última montaxe, A peregrinaxe. Divertida comedia e risas aseguradas como antesala á última actividade da xornada deste venres. Será na Praza do Quinteiro.
23.00. Quenda de concertos no escenario da Fundación Pondal, con The Rapants e Dios Ke Te Crew e amigos (00.00 horas).