Patrocinado por

Volve a Monforte o San Mateo e renace por partida dobre

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

VEN A GALICIA

A localidade de Cinsa, na parroquia de Baamorto, é o escenario do chamado San Mateo Pequeno
A localidade de Cinsa, na parroquia de Baamorto, é o escenario do chamado San Mateo Pequeno

A aldea de Cinsa resucita un festexo asociado á popular romaría da parroquia da Parte

02 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como moitas outras festas que estiveron suspendidas desde o 2019, a tradicional romaría de San Mateo volverá a Monforte o día 21. Pero este mes recuperarase tamén un festexo que xa desaparecera moito antes da pandemia: o chamado San Mateo Pequeno, que se celebraba en tempos na localidade de Cinsa, da parroquia de Baamorto. Segundo explican os veciños que promoven a súa recuperación, a tradición local di que esta festa naceu de forma espontánea, cando a xente que asistira ao San Mateo regresaba a pé as súas casas e se detiña en Cinsa para descansar.

«Polo que contan os maiores, esas persoas eran veciños de lugares como Tuiriz [en Pantón] ou Ousende [no Saviñao] e paraban en Cinsa para distraerse e alongar un pouco o San Mateo cando volvían da romaría», di un dos organizadores. O festexo celebrábase tradicionalmente o seguinte domingo ao San Mateo, que este ano cae no 25 de setembro.

A recuperación do San Mateo Pequeno —continúan— ten por unha parte o obxectivo de estreitar as relacións entre os veciños de Cinsa e fortalecer os lazos con outras aldeas e parroquias próximas. Pero tamén ten a finalidade de divulgar o patrimonio histórico, cultural e paisaxístico local. Por este motivo, as actividades comezarán cun percorrido guiado pola localidade e o seu entorno. «Queremos recordar aspectos como a importante tradición vitícola que había na parroquia, aínda que a maioría dos antigos viñedos acabaron convertidos en terras de pasto», din os organizadores. «Tamén rememoraremos ao músico Amadeo Goyanes, natural de Cinsa, que foi un pioneiro do renacemento da zanfona», engaden.

Outra tradición local que se recuperará o día 25 consiste na confección duns arcos ornamentais que un veciño de Cinsa elaboraba con diversos vexetais para celebrar o San Mateo Pequeno. Con esta finalidade organizarase un obradoiro didáctico e recreativo dirixido aos nenos.

 Programa do San Mateo Pequeno

11.00 horas. Percorrido guiado sobre o patrimonio de Cinsa

 12.00 horas. Obradoiro infantil de arcos vexetais decorativos

 13.00 horas. Misa campestre

 13.30 horas. Actuación dun grupo musical

 15.00 horas. Xantar popular no campo da festa. Para reservar prato (a 20 euros) hai que chamar ao teléfono 666 859 317

 17.00 horas. Café concerto

 19.00 horas. Baile popular

Os veciños da parroquia da Parte preparan o retorno da festa, suspendida desde o 2019

Ao contrario do que sucedeu nos dos últimos anos, a romaría de San Mateo volverá despedir o verán na parroquia monfortina de Santa María da Parte. Isaac Rodríguez, un dos veciños que se encargan habitualmente de organizar o festexo, xa lle comunico aos responsables municipais a súa intención de recuperalo. O Concello de Monforte —como fai con todas as festas das parroquias— concede unha axuda para a súa organización e encárgase ademais do dispositivo que se monta habitualmente para regular o tráfico e garantir a seguridade no lugar de celebración da romaría, na confluencia dos ríos Cabe e Mao.

Rodríguez sinala por outro lado que aínda non se pechou o proceso de contratación das animacións musicais, algo que está resultando máis difícil do que era antes da pandemia, como ocorre en todas partes. «O problema é que moitas orquestras desapareceron durante este tempo e as que quedan subiron moito os prezos», explica. «En todo caso, se non podemos ter orquestras grandes teremos grupos máis pequenos, pero a música non faltará», agrega.

Cancelación no 2021

Os veciños da parroquia da Parte descartaron a principios de setembro do ano pasado a posibilidade de recuperar ese mes a tradicional romaría, un dos festexos máis populares e concorridos do sur lucense. A pesar da desescalada, o brote de coronavirus que se rexistrara semanas atrás na rúa Duquesa de Alba acabou coas esperanzas que chegou a haber de que a festa se recuperase nesas datas e en consecuencia houbo que esperar un ano máis.