Patrocinado por

O Festival de Teatro Galego carballiñés incluirá a estrea de tres montaxes

La Voz

VEN A GALICIA

xmr

O Fetega destinará parte da recadación a Aspadisi e contará, no futuro, co premio Insua dos Poetas

03 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 6 ao 9 • Diferentes horarios • Auditorio Manuel María, rúas da vila, Veracruz e Insua dos Poetas • O Carballiño • 6 euros • Volve ao encontro dos espectadores o Festival do Teatro Galego Celso Parada e como sinalou o seu director, Carlos Ledo, na presentación regresa «o teatro en liberdade» logo das restricións derivadas da pandemia que afectaron nos dous últimos anos. A trixésimo terceira edición do Fetega incluirá a estrea absoluta de tres montaxes e aposta desta volta polas citas no Auditorio do Carballiño, o teatro de rúa e a incorporación da Insua dos Poetas como escenario para as súas actividades. A compañía Barafunda volverá a ser a referencia para o teatro de rúa, incluindo espectáculos específicos para o Fetega: abrirá a programación o día 6 con «A maruxaina do Arenteiro» —con funcións ás 11.00, 17.00 e 19.30 horas— e os días 7 e 8 ofrecerá as montaxes «A pomba que te alegra» —co mesmo horario— e «O titiriteiro do demo» —11.00, 18.00 e 19.30 horas—. Rematará a participación o día 9 co espectáculo «Octavio é o premio».

 O primeiro día representarase «O péndulo» no Auditorio —20.30 horas—. O 7, mesmo espazo e horario, o Fetega ofrecerá a montaxe «O deus pop». O día 8, no anfiteatro da Veracruz, ofrecerase a montaxe «Mestre ma non troppo» —18.00 horas— e no Auditorio representarase «Rapsofá» —20.00 horas—. A xornada de clausura estará protagonizada por Barafunda e as montaxes «Home» —Auditorio, 20.00 horas— e «Mentres dure a canción» —Insua dos Poetas, 22.30 horas—. O presidente da Fundación Insua dos Petas, Luís González Tosar, anunciou que a mesma creará un premio de textos teatrais que se convocará na vindeira edición do Fetega. O festival destinará unha parte da recadación á asociación Aspadisi e dende a mesma Manuel Amil agradeceu o apoio solidario ao proxecto de creación dunha residencia para as persoas con discapacidade. Carlos Ledo reafirmou a aposta carballiñesa dende hai 33 años: «O Fetega é teatro galego e en galego».