Literatura, ciencia, teatro e música dialogaron onte nunha intensa xornada. Hoxe, máis aínda
03 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.«O que vin é que as Festiletras medraron, que cada vez hai máis actividade. Mellorou a programación e mellorou a aldea do Couto en si. A xente puxo en valor as súas casas, as súas eiras, os seus valos, viuse que todo isto ten valor. Mírase polo entorno, xerouse unha dinámica en torno á cultura e ao traballo da Fundación Pondal». Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, pronunciaba estas palabras logo de percorrer onte a mañá da segunda xornada de Festiletras, admirado non só da «sólida programación», senón da «coordinación e implicación entre voluntariado mozo e sénior, algo que non se dá en ningún outro lugar de Galicia, e todo iso cun trasfondo de cultura», engadía. Está convencido de que as Festiletras, que están de 40.º aniversario, «nos últimos anos multiplicáronse por tres». Viu onte unha perfecta implicación de letras e ciencia, de teatro e natureza... «Dar vida así a unha aldea é algo que se debería replicar en moitas parroquias e lugares de Galicia. As Festiletras do Couto demostran todo o potencial da cultura», valora García Gómez.
Por Toupiciencia, a xanela do maxín, pasaron onte Rosa Aneiros, Miguel Mato, Suso Lista, Alexandre Nerium, Sabela, Erica Esmorís ou Olaia Sendón. Presentaron obras que logo tiveron un eco na ciencia, coa creación dun colgante con polímero termomoldeable e sensor NFC; un vídeo en stop motion, un xogo de pistas tecnolóxico, un móvil en equilibrio, unha figura un luz... «Unha mañá moi agradable. Caeron catro gotas a primeira hora e logo quedou un día de sol», festexaba David Ballesteros, coordinador das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal, a primeira hora da tarde. Puideron tomar as localizacións previstas inicialmente e traballar así, cos nenos da Escola de Verán —que xusto remataba onte logo—, este «diálogo entre ciencia e literatura».
Seguen avanzado, doutro lado, as obras artísticas de Cestola na Cachola e Juan Rivas. O galo das Festiletras de Mutante Creativo xa case pode cantar e os camiños da aldea son transitados de actividade en actividade. Tero Rodríguez e Lucho Penabade, Os Quinquilláns, contaron onte vistosamente Por que é salgada a auga do mar. Fixeróno na Praza do Quinteiro, onde o xoves interviron Cadaval, Guti e Celso Fernández, e onte a compañía teatral baiesa Badius. Lowcos e Zënzar, así como The Rapants e Dios ke te crew estaban chamados a poñer a música deste venres.
Día da provincia e subidas en globo aerostático, hoxe
As áreas de Turismo e Cultura da Deputación colaboran coas Festiletras con dúas subvencións —de 16.000 e 23.000 euros—, esta última para financiar o concerto de Baiuca, a intervención mural de Mutante e subidas en globo aerostático, que serán hoxe. «Festiletras non é só unha das festas das letras senlleiras de Galiza, e a que se leva celebrando de xeito ininterrompido desde hai máis tempo, senón que forma parte verdadeira do patrimonio inmaterial da Costa da Morte e mesmo de todo país», apuntou Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e responsable de área de Turismo. O ente provincial desprazará ao Couto, ademais, a súa caravana informativa, e terá unha xornada reservada no programa, a de hoxe, 3 de setembro, como Día da provincia. Haberá por iso unha visita institucional.
Como e a que hora subir en globo
O globo aerostático que chega a man da Deputación estará ubicado nunha zona de aparcamento antes de chegar á Fundación Pondal, perfectamente visible. Funcionará dende as 11.00 da mañá ata que haxa demanda, e de cada volta poderá subir na cesta un total de cinco persoas. Iranse formando, por tanto, ringleiras. Serán subidas e baixadas —non desprazamentos— que permitirán gozar do entorno rural do Couto dende as alturas. De balde.
Un obradoiro coa Fundación Artesanía de Galicia
Nesta 40.ª edición das Festiletras, a Xunta de Galicia impulsará a divulgación dos oficios artesanais galegos cun obradoiro de balde, e aberto a público familiar. Será hoxe e mañá, a través da Fundación Artesanía de Galicia. En Aprendendo a tecer, os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera amosarán, por exemplo, as técnicas básicas para o manexo do tear. Sen inscrición.
O programa deste sábado
XORNADA DE MAÑÁ
Mostra de artesanía. Dende as 12.00 en adiante. Pasacabanotes cos Peliqueiros de Castro.
Poesía, música e danza. Na Eiroa de Cousillas, Rosalía Fernández e María Álvarez, co poemario «Desnortada». Na Praza do Quinteiro, danza con Inllar.
Concertos. Na Eira de Pailetes, concertos de MJ Pérez (13.00), Carlangas (14.00) e pasacabanotes con Inllar (15.00 horas).
Xornada de tarde
Regueifa, letras e máis música. Na Eira de Cousillas, ás 16.00, Sechu Sende con «O pobo improvisador» e regueifa con Nuria Penas e Lorna Medela, presentada por Lupe Blanco. Pasacabanotes a cargo dos Farrapos (17.00).
Na Eira de Pailetes, ás 18.00, letras con María Canosa, recente Premio Rosalía de Castro, e compango con Elvis Neghro. Na Eira de Rosende, ás 17.00, biografía de Fernández Rego con Suso Vaamonde e música de Os tres pés. Ás 18.00, «O toque pechado», con Pablo Seoane; «O ronsel do meu sentir», con Xoán Carlos Rilo, e acordeón de Eloi Mato. De novo na Eira de Rosende, ás 19.00, estará Miguel Mato coa obra «Sisley no xuncal da Trave». Concerto de Lóstregho.
tarde-noite
L-R. Concerto ás 20.00, na Eira de Pailetes.
Pasacabanotes. Novamente, cos Peliqueiros de Castro.
Concertos. Das 22.00 horas en adiante, escenario Fundación Eduardo Pondal. Concerto de Rodrigo Cuevas e amigos. Concerto de Baiuca Live Band e amigos.
*** Globo aerostático. Das 11.00 en adiante. De balde.