Restos dos dous castros e da antiga igrexa desta parroquia están espallados na contorna
04 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Santa Aia de Artoño é unha das parroquiais máis festeiras do municipio de Agolada e o seu centenar de veciños multiplícanse por dez ou máis cos que chegan dunha e outra banda do Ulla, cando chegan as festas do verán dedicadas ao San Ramón, que aquí ten capela propia ao igual que o Anxo da Garda que a ten en Buxel e da que xa temos publicado nalgunha ocasión. Uns festexos que baixaron este venres o peche e comezaron o día 31.
En tres xornadas celebraron á concorrida e animada festa do San Ramón, que os veciños anuncian, poida que con razón, coma a máis antiga de cantas se celebran no municipio de Agolada. Houbo misa campestre na carballeira que rodea a capela do santo e o centro social da parroquia, coa Coral Polifónica de Agolada e a Banda Musica de Agolada, no propio día 31, e a charanga lalinense Os Ardores, na segunda xornada festiva en Artoño. As mesmas agrupacións musicais, participaron nas procesión o redor da capela e ata o cruceiro procesional na que o santo que portaban os homes, saíu acompañado pola Inmaculada que levaban as mulleres.
As mesmas agrupacións musicais ofreceron concertos na sesión vermú e actuación pola noite, contando tamén para as verbenas coa charanga Europa e o trío Manhattan, xunto co grupo Tania Veiras. Houbo xantares con familiares e festeiros nas casas, cheas nestes días de ledicia, e para despedir os festexos tiveron unha terceira xornada, na noite deste pasado venres, na que celebraron unha torresmada popular coa música dos gaiteiros Os Varacuncas de Rodeiro, para rematar despois con concerto do grupo punk Kase7e, que xa só aguantaron os máis novos e animados mozos de toda contorna que achegáronse a Artoño.
Restos arqueolóxicos
A igrexa de Artoño é barroca do século XVIII e nela pouco queda da anterior románica, a non ser a súa porta principal con arco de medio punto modificada cando se ampliou e restos dos canzorros que se poden ollar baixo a sopena do tellado. Espallados pola parroquia atopamos dous sepulcros medievais de pedra que deberon saír da igrexa primitiva: un cativo a pé do camiño que fixo do fonte preto da capela do San Ramón e outro de maiores dimensións no pazo de Traspenas, que puido ser dun membro da familia fidalga que o habitou séculos atrás.
Máis enigmáticos son dous sepulcros escavados na rocha e rodeados de cazoletas, que se atopan a pé da estrada de Agolada a Ponte Arcediago, no arranque da pista que leva a Amence, que ben puideron pertencer a un antigo templo altomedieval existente neste lugar.
Dos dous castros prehistóricos con que conta a parroquia, saíron varios muíños circulares de man que foron parar a reitoral de Borraxeiros, dos que aínda se poden ollar alí un par deles, descoñecendo nós onde van os outros. Ao igual ca os castros, as mámoas da parroquia sufriron estragos dende tempo inmemorial e non sabemos onde foron parar o machada pulimentada, a cunca e os anacos de cerámica que se toparon décadas atrás, nestes enterramentos datados na Prehistoria.
Pazos brasonados
Moito se podía escribir desta parroquia de Agolada, dos seus dous pazos brasonados en Buxel coa súa capela e Traspenas, este en rehabilitación e con capela interior; das antigas casas que aínda se conservan, cos seus típicos hórreos, eiras, lagares e pombais; da ducia de muíños arruinados que movía o regato local que aquí salvaban pontellas, pontellas e pasais; das fermosas e amplas paisaxes que van inclinando dende a Pena Guntín ao Ulla; da Banda de Música de Artoño, perdida hai décadas ou da súa ducia de típicos lugares cos seus vellos camiños, cruceiros e fontes, que forman esta parroquia que vai quedando sen os veciños, de xeito que os máis de douscentos habitantes que tiña a finais do pasado século xa so conta agora con pouco mais cun centenar. Pero desta vai de festas e os demais asuntos ímolos deixar para outra ocasión.
Patrimonio etnográfico