Tromba de auga, música e parabéns para despedir a 40 edición do Festiletras
VEN A GALICIA





















































Centos de persoas seguiran de preto os últimos compases na aldea do Couto
05 sep 2022 . Actualizado a las 18:04 h.O festival da pequena gran aldea do Couto, o Festiletras, chegou onte á súa fin logo de catro días de intensa e variada actividade, pero non sen antes armar unha boa festa, pese a chuvia da tarde, para despedir unha edición tan especial, a 40, por todo o alto. Xa dende a noite do sábado, e nas xornadas anteriores, houbo cheos absolutos de público. Especialmente, coa actuación de Rodrigo Cuevas. Plantouse el só no escenario Fundación Pondal e encheuno de certo coa súa voz acompañada de instrumentos variados como o acordeón, a guitarra ou o piano. Os alí presentes chegaron a corear os romances que escolleu para amenizar unha boa velada en Ponteceso: o do carreteiro, o de Faustinita... O asturián, que leva afincado en Galicia oito anos e que fala un perfecto galego, fixo un chisco á súa terra lucindo un gorro tradicional. Tamén cantou temas galegos, recordando a Rosa de Moscoso. E mesmo tivo tempo para dedicarlle unha canción a Rambal, homosexual que foi asasinado no ano 1936. Agradecido por estar e cos seguidores, deu paso a Baiuca.
Este grupo, encabezado por Alejandro Guillán, puxo a bailar á xente. Sorprendeu coas súas mesturas de música tradicional galega e electrónica. Tamén o fixeron, sobre todo, as dúas pandereteiras que o acompañan.

Xa onte á mañá, a foliada seguiu con artesanía e tempo para a aprendizaxe e o debate da man da sétima edición da mesa redonda Aldeas singulares. Moderou o delegado de La Voz de Galicia na edición de Carballo, Xosé Ameixeiras. O humorista Touriñán coa iniciativa do castelo Conta, o mesmo Cuevas, o especialista en desenvolvemento rural Jaime Izquierdo... Foron máis as voces implicadas neste faladoiro que pasou a celebrarse na lareira da fundación con moita afluencia. Tan interesante estivo que se alargou máis de dúas horas. Ata o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quixo facer as súas achegas neste sentido. A institución que representa apoia ó Festiletras. Así o lembrou, non sen antes afirmar que o Couto é «un dos puntos principais de dinamización cultural». Tamén participou o alcalde pontecesán e presidente da Fundación Eduardo Pondal, Lois García Carballido. Oima, a Escola do Alpendre de Oza e máis agrupacións animaron a mañá cuns asistentes moi entretidos.
Ían chegando os compases finais. En cambio, houbo que poñerse as pilas para recolocar toda a programación debido ó mal tempo. A carpa deu moito de si e converteuse en protagonista. A cantante Belém Tajes dedicou o último tema á xente que tivo que emigrar. Seguiulle a Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Ponteareas, coas voces de Antonio Barros e Ialma. Empezaron forte, con «Negra sombra», e non baixaron o listón con «Camariñas» ou «Se chove», entre outras pezas populares. Incluso interpretaron «Apaga o candil», á que se sumou Xosé Ramón Gayoso, célebre presentador do Luar. Estaba á espera de recibir o primeiro premio Bo e Xeneroso de Honra. Pero antes, actuaron as Pandereteiras do Roncudo. De Corme, por suposto. Ramón Piñeiro, de aCentral Folque, presentou o libro Pandereteiras de Mens. Deulles paso ás cormelás como «dignas seguidoras».
Chegou o momento de Gayoso. Presentou o acto a periodista de La Voz de Galicia en Carballo Patricia Blanco. Dende a fundación premiaron o seu traballo de apoio á divulgación da música tradicional galega. Mercedes Peón, dende a distancia, lembrouno como unha persoa «conciliadora e intelixente» e un profesional «excepcional». O polifacético Xurxo Souto fixo o mesmo destacando outra das virtudes do comunicador: «É dos que máis sabe escoitar». Pola súa parte, o premiado dixo recollelo «en nome de todos os compañeiros do programa», e engadiu: «O Luar naceu con ese mesmo espírito. Cada venres tratamos de facer un Festiletras». Entregoullo Xabier Díaz, que despois puxo o broche final coas Adufeiras de Salitre. Como de costume, recalcou «a inmensa riqueza en patrimonio inmaterial» que ten Bergantiños.

Entre medias, os Peliqueiros de Castro, que percorreron a aldea, gustaron moito. O Couto segue facendo historia, «milagre» e recibindo infinidade de parabéns.