O concello e a comisión prevén gran éxito nesta nova edición
06 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.As festas patronais de Pontedeume sempre foron das máis populares en Ferrol e comarca, e por iso foron botadas en falta por moitos e moitas. Este ano —do 7 ao 11 de setembro— recuperan a súa programación ao completo despois de dúas edicións limitadas pola pandemia, como foi o caso do pasado ano, e máis a cancelación por mor dos datos da Covid-19 do 2020. O Concello e máis a comisión das Peras organizan en conxunto a programación dos días máis esperados polos eumeses, e agardan que o público acolla con clamor a programación deste ano.
Haberá actividades para todas as idades, dende os máis cativos ata os maiores, e lecer, deportese cultura. As Peras de Pontedeume prometen moita música e diversión co a recuperación total da programación destas datas. A concelleira de cultura, Ángela Piñeiro, indica que teñen moita ilusión e moitas esperanzas postas nestes días que veñen: «Contamos con que veña xente da zona de As Pontes, Ferrolterra, A Coruña... despois deste parón recuperamos a normalidade con todos os actos e o concurso de froitas que dá nome ás nosas festas e cunha programación moi completa».
O programa comezará mañá, mércores día 7, coa tradicional alborada de foguetes e a saída dos mómaros. O pregón deste ano será a cargo de Javier Martínez Pérez-Mendaña, medalla de ouro do Colexio de Médicos da Coruña. A continuación terá lugar o concerto de Nuevo Plan e, máis adiante, a do grupo de música fusión Amparanoia. Ambas as dúas serán na Praza do Conde.
A primeira hora da mañá do xoves, o día comeza coa alborada de foguetes, que se repetirá cada día ata o fin das festas. A xornada do xoves estará trufada de pasarrúas, actividades infantís e uns dos eventos máis agardados por todos: a cucaña marítima, a queima do Galán e a traca. Pola noite tocará bailar ao son da orquestra Fania Blanco Show. Pero os organizadores avisan de que non se perdan os folgos porque quedan varias xornadas de celebración, sobre todo porque o venres ten lugar o Concurso de Froitas coa colaboración da Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume, un dos momentos máis emblemáticos das festas. A continuación, sairán os mómaros e os cabezudos acompañados por gaiteiros. Nos xardíns da Casa da Cultura terá lugar o II Recital poético «Poeta Ramiro Fonte», presentado por Xosé Fonte Sardiña, que contará coa participación de artistas e escritores como Antonio Seijas, Olga Novo e Eva Veiga. O día seguirá adiante con moita música, pasarrúas e finalizará novamente con verbena da man da orquestra Panamá.
O sábado tocará a saída dos mómaros e cabezudos coa posterior Procesión de San Nicolás de Tolentino acompañada pola Banda de Música Charamela.Achegarase á noite durante a batalla naval e os fogos artificiais iluminarán o ceo eumés. O fin de festa será coa subida ao río Eume ata a Xunqueira e despois de tanto evento deportivo, tocará amenizar a noite coa orquestra América.