Patrocinado por

A terceira Feira de Labranza reunirá en Terreboredo a 15 produtores os días 17 e 18

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

VEN A GALICIA

miguel souto

06 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa Maruxío, en Terreboredo (A Estrada), acollerá os días 17 e 18 deste mes a terceira edición da Feira de Labranza, un evento promovido para potenciar o entorno rural e amosar todos os proxectos que del xermolan.

Na feira participarán, ademáis de Maruxío, Rebulidoiro, Nobelo a nobelo, Capixuta, Dona Formiguinha, Casal de Creación, Pai Presencia, Apícola Cañedo, Serodio, Editorial Raposeiras, Celia Pía, a asociación Daquí Darredor, Fran Ameixeiras, A horta da señora Carmen e Rabiosa.

Desta volta, o evento terá como eixo temático as prantas e os paxaros, nunha sorte de homenaxe ao patrimonio natural. O programa abrirase o sábado 17 ás 12.00 horas coa presentación do libro 7 herbas máxicas, de Rosalía Bermúdez, que asinará exemplares. Unha hora despois actuará a música Celia Pía e ás dúas da tarde haberá unha degustación de produtos da terra. Ás 16.30 Xosé Ramón Reigada guiará un paseo pola contorna falando sobre as plantas que se atopan e a súa relación cos topónimos. Ás 19.00 Uxía Paramá, da asociación cultural Tamparrantán, ofrecerá un obradoiro de baile tradicional e ás 20.00 Serodio e Uxío interpretarán pezas musicais. A xornada rematará unha hora despois cunha foliada aberta.

O domingo 18 ás 12.00 Monte Balado presentará a súa cociña colaborativa e haberá un obradoiro de aproveitamento de plantas silvestres na cociña con cata dos pratos elaborados. Despois haberá unha foliada co Cuarteto de Barbude e presentación do grupo Os Rebolos. Pola tarde ofrécense o obradoiro de imprenta creativa Superpoderes das aves, un acercamento ás aves da contorna con X. Ramón Reigada e un concerto de Sofía Elsa ás 20.00 horas.