A celebración ten máis de cen anos de existencia, sen coñecerse a data de inicio
07 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Con dous días de festa a localidade lalinense de Goiás honrou a Virxe do Rosario, e a mocidade da parroquia volveu danzar un ano máis diante da imaxe da santa na procesión que logo da misa solemne, percorreu o vello camiño real repleto de público, dende a igrexa ata o cruceiro procesional, co acompañamento musical da Banda de Música de Lalín. Na xornada do domingo, ademais da misa solemne oficiada polo párroco, José Ramón Pena Taboada, logo da procesión, houbo sesión vermú e concerto coa Banda de Lalín e a véspera, unha animada verbena coas agrupacións musicais Olympus, Ardores e a disco móbil EME Music.
Esta do Rosario, tamén coñecida coma Festa dos Mozos, non é a única que se celebra en Goiás, unha das maiores parroquias en superficie e habitantes da comarca. Teñen coma festa principal a do patrón San Miguel Arcanxo, que vai acompañado en procesión polo Santo Antonio e a da Virxe das Angustias, que celebran os lugares de Pareizo e Cotarelo, que sae co San Xosé, e ten a súa propia capela.
Festa peculiar e tradicional
Non temos constancia dos comezos desta celebración, que vai mais aló dos cen anos de existencia. Porén botamos man do noso amigo o investigador Xoán Carlos García Porral, que nos conta que a mediados do século XX, no baile participaban só os homes e non os mozos, que ían ataviados cun pano cruzado sobre o ombreiro, como van agora, destacando entre eles Salvador de Fontes e os irmáns Roxelio e Manolo de Emilia. As mulleres empezarían a bailar nos anos sesenta, e a Virxe do Rosario ía no carro coa xente turnándose para tirar dela. A música poñíaa ata que se desfixo no ano 1961 a Banda de Goiás, que tocaba ao igual ca na actualidade, unha peza composta para esta festa. Despois dela, uns cantos anos tocaron algúns dos músicos da extinta banda da parroquia.
A celebración sempre foi a primeiros de setembro e non o 7 de outubro, que sería cando lle correspondería no calendario litúrxico, xa que coincidía coa da Virxe das Angustias de Cotarelo e Pareizo, que sempre era o 5 de outubro o que fai pensar que a celebración das Angustias é anterior á do Rosario. Houbo un ano, a finais dos anos 80, que se celebrou o último domingo de setembro, cadrando coa do San Ramón da Veiga, e por respecto cara a parroquia veciña, cambiárona de día, pero non se volveu cambiar polo que en adiante, ambas teñen coincidido en varias ocasións.
Traxecto da procesión
A procesión sempre foi dende a igrexa ao cruceiro, pero a romaría comezou sendo na Rigueirancha, preto do lugar de Delaparte, na carballeira onde agora está a casa de Benito de Madriñán, cuxa construción deixou sen campo a romaría. Daquela xuntábase alí moitísima xente, máis ca na festa patronal, moita chegada dende a vila de Lalín. Había postos de café e viño e tamén rosquilleiras entre as que non faltaban Aurita de Sanvicenso e a súa irmá e outra que viña de Moneixas.
Despois pasaría a celebrarse algúns anos onde a vella escola e no local social, preto do pazo de Beilás dos señores da Baiña. Daquí, foi para o campo da festa vello e xa recentemente para onda o local social da parroquia.
Curiosamente en Goiás non houbo confraría dedicada a Virxe do Rosario, pero si a devoción pola santa, que se sacaba do seu apousento na capela dos Taboada para a procesión pola súa festa e tamén para elaborar o Monumento de Semana Santa. Da festa e doutros aspectos da parroquia lalinense, escribiu un libro o citado García Porral co título Goiás, vida dunha parroquia rural galega (Deza Básicos, 2002), cuxa lectura recomendamos.