Patrocinado por

Chega a Lugo a exposición sobre a historia dun éxito colectivo: o Parlamento de Galicia

la voz LUGO

VEN A GALICIA

Afundación e a cámara galega presentan na cidade a mostra que recolle os 40 anos do lexislativo galego

09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Sede Afundación de Lugo acolleu onte a inauguración da mostra «O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021», que estará aberta ao público ata o 8 de outubro, de luns a sábado de 17.30 a 20.30 horas. A exposición traza un percorrido polas catro décadas de vida do lexislativo galego, á vez que inclúe materiais relacionados coa configuración da autonomía galega.

Á apertura asistiron o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; a coordinadora da área de Cultura de Afundación, Marité Cores; e Miguel Anxo Seixas, asesor da mostra. O presidente da Cámara galega mostrou o seu agradecemento a Afundación por acoller esta exposición, como fixo previamente noutros lugares con actividades organizadas polo Parlamento. Expresou tamén a vocación de itinerancia desta mostra, programada para visitar as cidades galegas. De forma paralela, editarase un libro que fará repaso ás catro décadas de historia autonómica de Galicia.

A exposición intenta demostrar, segundo explicou Santalices, o éxito colectivo que supuxo a posta en maecha da Autonomía e o papel que o Parlamento desenvolve como institución na que reside mandato democrático.

Deste xeito, as imaxes que compoñen esta mostra destacan a vocación de acordos e a necesidade de entendemento entre posturas abertamente discordantes para conseguir fins necesarios que permitisen unha cohesión social encamiñada a consolidar a convivencia en democracia. Santalices tivo un cariño para Lugo: «Nin a economía, nin a historia nin a cultura de Galicia se entenden sen as achegas de Lugo e a súa provincia».

Que se pode ver?

Desde as imaxes dos primeiros e convulsos anos, ata as épocas máis recentes, o público poderá contemplar, e rememorar, como a palabra, o instrumento comunicativo por antonomasia, é o piar da democracia.

A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.

Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943.
Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943.

Entre outros documentos, na exposición é posible contemplar a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.

A mostra tamén incorpora obras como «O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios», editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.

Comisarios

A mostra inaugurada esta tarde en Lugo, concibida para rememorar as catro décadas de vida da primeira entidade de Galicia, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela,

exreitor desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Contou coa asesoría de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.