Patrocinado por

Revenidas: nunca tal se viu en Vilaxoán a golpe de mércores

carlos crespo VILAGARCÍA

VEN A GALICIA

MONICA IRAGO

Boyanka Kostova e os seus convidados converteron o parque de Dona Concha nunha colosal festa ante máis de mil persoas no arranque do festival

09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Arrancou o Revenidas a iso das oito da tarde do mércores entre unha morea de incertezas. Quen máis quen menos miraba a esa hora ao ceo e a App de Metogalicia por ver se botar man do chuvasqueiro. Apenas fixo falta. E cando chuviscou, o fervor dos alí congregados foi máis que suficiente para evaporar as catro pingas que caeron. A outra gran dúbida era saber como ían resolver Boyanka Kostova tres horas de concerto, cando rara vez as súas actuacións pasan dos sesenta minutos. Non faltaba daquela —insisto, antes de comezar— quen manifestara as súas dúbidas respecto a se a proposta musical, conceptual e estética de Cibrán e Chicho é un fenómeno ou un desvergoñado engano. Tres horas despois a pregunta respondíase por si mesma. Máis de mil persoas, absolutamente entregadas, reverenciaban ao dúo e á súa nómina de convidados, dende a sensación de que o alí vivido ía ser dificilmente repetible.

Xa anunciaran Boyanka Kostova que o concerto co que arrancaba o Revenidas era o máis importante da súa traxectoria. Fieis a súa máxima, lonxe de revestilo de transcendencia, o que fixeron foi convertelo nunha descomunal festa. Unha sorte de prolongación do salón da súa casa —sofás e lámpadas incluídos— polo que ían pasando os seus amigos sen máis misión, que non é pouca, que a de pasalo ben. E a fe que o pasaron.

Foron Mundo Prestigio os primeiros en tocar ao timbre, cando xa levaban Boyanka case unha hora sobre o escenario. E aquilo comezou a ferver. A chegada de Grande Amore meteulle aínda máis presión a un festón que parecía alcanzar o cénit coa aparición de Dios Ke Te Crew entoando OG (Original Galego). Mais aínda quedaba o palenque final e foi o público o encargado de anuncialo ao grito común de «Pili Pampín, Pili Pampín», feliz no seu papel de raíña da mocidade. A festa rematou cos músicos compartindo pogo co persoal ao ritmo da Muiñeira de interior.

Claro que o de rematou é un dicir. De alí non se foi nin dios ata que Yaya Dj e Kris K Dj remataron as súas respectivas sesións. Non podía ter o primeiro día do Revenidas mellor final. Nin mellor comezo.

Lendakaris Muertos vuelven a la carga
Lendakaris Muertos vuelven a la carga

Venres de alta voltaxe con SFDK, Talco, Lendakaris Muertos e M.D.B.

C. CRESPO

Ten varios ases na manga o Revenidas para ser quen de manter a grande intensidade coa que comezou esta edición do festival. E o venres porá en xogo a varios deles.

É o caso, por exemplo, de SFDK, formación referencial na historia do hip-hop feito en España, que por primeira vez arriba ao festival de Vilaxoán. O dúo formado por Acción Sánchez a Zatu, o máis lonxevo do rap español, chega ao Revenidas con material novo, o que entregou este ano na súa última produción, Cardioempatía. Boa falta nos fai, por certo. Subirán ao escenario ás 21.45 horas.

Outros veteranos, neste caso da órbita do punk rock, son Lendakaris Muertos, depositarios do imperecedoiro espírito da vella garda punkarra. Toda unha lenda do punk ortodoxo, vertixinoso, deslinguado, provocador e gamberro. Actúan ás 19.50 horas.

O Revenidas contará o venres con dúas presenzas internacionais. Unha delas, vellos coñecidos do festival, é a dos italianos Talco, que xa estiveron na edición do 2021 co seu formato acústico. Este ano chegan con toda a súa carga —e descarga— de «combat ska-punk antifascista e antirracista».

Tampouco chegan exentos de compromiso Moscow Death Brigade (M.D.B.). Os moscovitas, combativos activistas fronte o racismo, o sexismo e a homofobia, aterran cunha proposta que no musical mestura o hip-hop, o punk rock, o metal e a música electrónica. Soarán ás 02.15.

A participación galega na xornada do venres en Vilaxoán leva os nomes de Grande Amore, SonDaRúa e Bratzantifa. O primeiro é un dos nomes imprescindibles este ano en calquera cartel. O seu arrebatador directo xustifícao con creces. SonDaRúa son referencia inescusable do rap galego. E Bratzantifa sumáronse á programación do Revenidas ao ter gañado o certame para novos valores que organiza estudios Mans.

O programa para o venres complétase con dúas sesións da Duendeneta, ás 01.30 e ás 03.15.