Patrocinado por

Realizar a «Traslatio» a bordo do Dragón: o novo reto das Centolas do Breogán

leticia castro O GROVE / LA VOZ

VEN A GALICIA

LETICIA CASTRO

As deportistas percorrerán un traxecto duns 40 quilómetros por mar dende O Grove ata Padrón grazas ao nacemento da primeira Travesía Barca de Pedra

09 sep 2022 . Actualizado a las 10:23 h.

Poñer en valor a Ruta Marítima Xacobea do Mar de Arousa. Ese é o novo obxectivo do Club de Piragüismo Breogán, pero tamén o seguinte reto do equipo das Centolas que realizarán o singular traxecto a bordo do barco Dragón. Farano grazas a unha nova iniciativa do club, a primeira Travesía Barca de Pedra, unha actividade que forma parte do programa O Teu Xacobeo, e que ademais da promoción da modalidade do barco Dragón, constitúe un atractivo turístico para que esta peregrinación marítima comece a gañar cada vez máis adeptos.

Nesta primeira travesía participarán dous barcos de 20+2 cedidos pola Federación Galega de Piragüismo, e están invitados a participar deportistas dos clubs da ría de Arousa, da categoría de Paracanoe e da BCS (Sobreviventes do Cancro de Mama), así como piragüistas de elite. Serán o 16, 17 e 18 de setembro. Tres intensos días que arrancarán coa bendición do peregrino no atrio da Igrexa de San Vicente, a carón da escultura da Moeda da Traslatio, para a continuación baixar camiñando cara a praia do Carreiro. Unha vez alí, as Centolas embarcarán no Dragón para dirixirse á praia de Peralto onde se realizará a Cerimonia das Flores, un acto en recordo ás persoas afectadas polo cancro de mama que xa non están, e que tamén aproveitarán para dar azos a aquelas que se atopan neste intre loitando contra a enfermidade.

LETICIA CASTRO

O club activa ademais a campaña Padexadas contra o Cancro, destinada a recoller fondos a favor da Asociación Española contra o Cancro (ACC) na localidade, que se levará a cabo durante todo o mes de setembro.

O duro chegará o sábado, ben cedo, cando as Centolas e o resto de deportistas emprendan o traxecto que os levará dende O Grove ata Padrón, bordeando o litoral por Cambados, Vilagarcía de Arousa, Catoira ou Rianxo. Uns 40 quilómetros que supoñen toda unha aventura para o equipo, e que segundo os cálculos percorrerán en cinco horas. Tocará descansar entón para facer a pé o domingo o tramo do Camiño Portugués que resta para chegar a Compostela. Rememorarán así a viaxe do corpo do apóstolo Santiago na procura dun lugar apropiado para recibir sepultura, a bordo, di a lenda, dunha barca de pedra que non precisaba tripulación.

Un traxecto que comezou en Xerusalén e que entrou en Galicia por San Vicente. Así que o seu párroco, Ventura Martínez, confesaba onte sentirse mais que ledo coa iniciativa. Tamén o facía o alcalde do Grove, José Cacabelos, que considera que se trata «dunha iniciativa pola que hai que felicitarse, pois pon en valor o entorno, a cultura, ten implicación social e ademais fomenta o deporte. Parécenos do máis interesante», subliñou o rexedor.