Patrocinado por

Revenidas: a excitante reivindicación dos secundarios

carlos crespo VILAGARCÍA

VEN A GALICIA

Mónica Irago

Ketekalles, Copa Turbo e Lamontagne & Picoamperio contrapuxeron con suor, actitude e sorpresa á incuestionable solvencia de La Pegatina, Boikot e Gatibu

10 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os grandes directores de cine adoitan e gustan de xogar moito co que acontece nos segundos planos, co que sucede máis alá da imaxe que se amosa no enfoque principal. Como gustan tamén de dar xogo e relevancia aos personaxes secundarios, ata o punto de que ás veces rematan resultando máis suxestivos e sedutores que os propios protagonistas. Pois ben, a súa maneira, algo parecido está a suceder no Revenidas. Por suposto que é incuestionable, e non o imos descubrir agora, o poder de fascinación que en escena exerceron o xoves La Pegatina ou Boikot no escenario principal, bautizado con nome do Xacobeo 21-22. Pero se cadra o máis excitante da xornada foi o que pasou no escenario secundario, o que se ubica no parque de Dona Concha. Supoño que ten moito que ver co factor sorpresa e con ese voluntarioso ímpeto co que se entregan as bandas que a el soben.

Pasou o xoves con Ketekalles, con Copa Turbo e con Lamontagne & Picoamperio. E, se me apuran, tamén co feliz desparrame que xerou en cada unhas das súas sesións A Duendeneta.

Ketekalles foron para moitos o gran descubrimento da xornada do xoves no festival de Vilaxoán. O cuarteto feminino barcelonés atrapou ao persoal a golpe de hip-hop, compromiso e unha brutal actitude e rematou con moito máis público diante do que comezaron, a auténtica proba do algodón neste tipo de eventos.

De actitude tamén demostraron ir sobrados Copa Turbo. Tremenda descarga de enerxía, suor e rock and roll a que alí deixaron. Imposible manterse indiferente. Concesións? As mínimas.

Excitación e elegancia

Lamontagne & Picoamperio abriron o festival e acreditaron que xa vai sendo hora de que a unha proposta tan excitante, e ao tempo, tan elegante, como a súa se lles outorguen outros horarios.

O resto, e non é pouca cousa, entraba dentro do previsto: o tremendo festón que monta La Pegatina, a impecable contundencia de Boikot, a eficaz solvencia de Gatibu —oportuno o seu agradecemento á presenza das linguas minoritarias— e a xuvenil frialdade de Suu. Todo fermosamente recollido en formato vertical.

Tanxugueiras regresan a Revenidas
Tanxugueiras regresan a Revenidas MONICA IRAGO

Quince horas ininterrumpidas de música a partir das doce do mediodía

O Revenidas programa este sábado a xornada máis longa da súa historia. Unha auténtica maratón musical que se prolongará dende as doce do mediodía ata pasadas as tres da madrugada. Un tour de force en toda regra no que terán especial protagonismo os músicos galegos. Oito dos doce grupos que o sábado subirán aos dous escenarios do festival de Vilaxoán chegan dende máis acá do Padornelo e exprésanse na lingua de Rosalía. Da nosa.

A cousa arrinca ás doce do mediodía da man de Plectro, banda portuguesa que vén de gañar o certame Go Go Gozo! E pásase de cero a cen nun minuto, porque á unha do mediodía os que subirán ao escenario serán Dakidarría. Con todo que iso conleva, Claro que por se a sesión vermú se lle quedaba a alguén escasa —ou tirado a sosa—, ás 14.30 horas tomaranlle o relevo Monoulious Dop. Desparrame garantido. Sen tregua para ir xantar, ás 15.40 abrirase a cabina da Duendeneta. Que tamén conleva o seu. Non deixará de soar a música porque ás 16.05 horas está programada a actuación de A Banda da Loba.

Chega despois un dos pratos fortes da xornada, Tanxugueiras, que xa estiveron tamén na edición do 2021 do Revenidas, claro que dende entón moito lles cambiou o conto. O concerto do trío de pandeireteiras máis famoso do mundo dará comezo ás cinco e media.

Tras elas, máis desaparrame, desta volta por conta de Ladilla Rusa. Outros que repiten son Zoo. O ano pasado foi complicado aguantar o seu demoledor directo sen levantarse da cadeira. Agora toca desquitarse.

Tras os de Gandía, ás 21.45, será a quenda dos arousáns Doen, que deixarán paso á única presenza internacional da xornada, os bosnios Dubioza Kolektiv, coa súa mestura de hip- hop, reggae, dub, rock e folclore balcánico. Á medianoite, cando se cumpran xa doce horas de festival, subirán ao escenario The Rapants, para rematar os concertos coa actuación de Baiuca a partir da unha. Ao seu remate aínda quedará unha sesión da Duendeneta como colofón de unha longa e intensa xornada.