Patrocinado por

Unha chuvia de viño bendiciu a volta das festas da Guadalupe de Rianxo

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA

VEN A GALICIA

Co Chupitaso, os rianxeiros deron a benvida á súa semana grande

10 sep 2022 . Actualizado a las 12:27 h.

Por fin, despois de dous anos de ausencia, as festas da Guadalupe volveron a Rianxo por todo o alto e, como manda a tradición, co Chupitaso e a chuvia de viño que bendiciu a volta das celebracións trala pandemia. Entre a falta de práctica a causa do parón imposto polo covid e algún cambio con respecto ao ritual habitual de comezo dos festexos, as peñas andaban algo despistadas, pero coa explosión de xúbilo á medianoite a vila viaxou no tempo e foi coma se non levara dous anos sen honrar á Moreniña como merece.

O cambio fundamental desta primeira Guadalupe poscovid foi que, por primeira vez en décadas, non estaba o Xixí, despois de dar o relevo na presidencia, aínda que si estivo moi presente porque as alusións a el foron inevitables, desde o aplauso que se lle dedicou ata a homenaxe dunha das peñas, bautizada como Abuelo Xixí. As novas formacións de juadalupeñas compartiron espazo con outras xa históricas, como Perdoa... Estaba Borracho, Bebamos coma Rianxeiros ou Sexto Sentido, nunha praza Castelao ateigada e na que o colorido das camisetas competía co dos que optaron pola indumentaria con reminiscencias aos anos 80, década que poñía a temática á primeira noite das celebracións.

A falta de Xixí para pedirlle sentidiño á mocidade, foi Xián o que tomou a palabra para recordarlles aos presentes que, se ían beber alcohol, non colleran o coche. Fíxoo desde o palco no que logo tomarían o mando os disc-jóckeis encargados de amenizar a noite, e ese foi outro cambio substancial, xa que o habitual é que o discurso de benvida e o Chupitaso sexan desde o balcón da casa consistorial. Isto provocou certa confusión entre as peñas, que como as ondiñas da canción, ían e viñan dun lado a outro da praza formando unha marea de cor.

Primeiro agardaban, coma sempre, diante da casa do Concello o momento de iniciar a festa, e cando comprobaron que o pistoletazo de saída se ía dar desde o palco situado no outro extremo do Campo desprazáronse ata alí, pero volveron sobre os seus pasos cara o punto de inicio pouco despois aos advertírselles de que en primeira fila non podían tirar bebidas ao aire como é costume para inaugurar a Guadalupe.

Mentres as juadalupeñas andaban nestas, desde o palco facíase finacapé en que a praza Castelao era un espazo libre de botellón, e que, en todo caso, se evitara botar lixo ao chan. E para contribuír a unhas festas máis limpas, os bares distribuían vasos de plástico reutilizables coa letra da Rianxeira.

Logo, por fin, chegou o gran momento, o estoupido do Chupitaso e o desenfreo dunha vila que levaba dous anos agardando para reencontrarse coa Guadalupe.