Patrocinado por

Unha casa-tulla en Outeiro con boa sillería que non atopa un comprador

daniel gonzález alén LALÍN

VEN A GALICIA

Daniel González Alén

Moneixas celebrou as festas do Rosario e o patrón, Santo Adrao

11 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na pasada fin de semana, veciños e festeiros celebraron na parroquia de Santo Adrao de Moneixas (Lalín), a festa do patrón e a da Virxe do Rosario con dúas xornadas nas que non faltaron as misas oficiadas polo párroco, Elías García Carmuega, as procesións co acompañamento musical da banda de gaitas Os Dezas, que desta tocaba na casa e interveu tamén na sesión vermú do domingo, mentres o sábado correu co cometido o grupo Karma, que tamén amenizou a verbena xunto ao dúo Crazy. Houbo xantar nas casas con festeiros e abundante pólvora nas dúas xornadas.

Os actos relixiosos celebráronse como corresponde na igrexa parroquial, un templo que conserva moitos elementos románicos, malia ser ampliado pola fachada e polo presbiterio. Destacan os capiteis románicos dos arcos triunfal e parcialmente, as pinturas murais do século XV que se conservan parcialmente e o retablo principal, barroco con imaxes de mérito, que fora restaurando con rigor hai vinte anos logo das xestións feitas polo entón párroco, Luís López Barredo.

A igrexa fora ampliada a mediados do pasado século para convertela en Santuario da Virxe do Carme, impulsado polo que fora párroco durante varias décadas, Andrés Cagide, que tamén fora fundador do celebre grupo de gaitas Os Dezas, vai para cen anos. Aquí viñan os ofrecidos, moitos en convenio co máis coñecido Santuario do Corpiño, para curar o corpo ou a lama con misas e exorcismos. Pero a celebración que agora trae máis devotos a Moneixas é a da Santa Lucía en decembro.

A venda a tulla do mosteiro de Acibeiro

Moneixas aparece mencionada nos documentos do século XIII como «Moneyxas», «Moneyxes» e tamén «Moneixas», topónimo que segundo algúns investigadores faría referencia a un convento de monxas dependente do mosteiro de Aciveiro que existiu na parroquia e que aloxaba as aspirantes a novicias en «Moneixiñas». Do convento ninguén se lembra, pero si dunha vella casa brasonada no lugar de O Outeiro coñecida coma «A Tulla» xa que nela recollían rendas os frades de Aciveiro deica os primeiros anos do século XX. A casa de pequenas dimensións con boa sillería, logo de anos de abandono e espoliación das súas canterías, foi rehabilitada en parte e leva tempo cun letreiro de «Se vende». A vella tulla medieval que ben puido ter sido tamén o convento que refire a tradición oral, conserva aínda unha portada semicircular de medio punto, sendo privada do escudo de armas que lucía na mesma fachada, que foi parar a un chalé próximo, recentemente construído por un dos herdeiros da anterior familia propietaria, que aínda é coñecida na contorna coma a familia dos da Tulla. O brasón pode verse agora enriba do portalón de acceso o chalé e malia que o desgaste pola erosión semellan ollarse as armas dos Deza Churruchaos, López, Varela e Arias.

Nun dos arruinados cubertos anexos a casa, localizamos un pequeno sepulcro medieval en pedra de xisto, reutilizado coma pía para o gando que debeu saír hai moitos anos da igrexa parroquial.

Sepulcro medieval

Pero da tulla ou convento, da igrexa-santuario e da reitoral, do cruceiro procesional datado no 1763, das mámoas do Cancelo, dos sobranceiros muíños do Feal e o da Ponte do Val, do obradoiro dos Campaneiros, dos gaiteiros Os Dezas, do curtidoiro que aquí tivo a familia Portas ou dun par de casas señoriais e doutos asuntos da parroquia lalinense, habemos escribir máis adiante outra reportaxe baseada na documentación que gardamos e dos testemuños que anos atrás, recollemos dos amigos Luís Novoa Pachín, Manuel Riádigos O Carriento e Plácido Taboada O Campaneiro e tamén outros informantes de agora.