




















Unha trintena de barcos escoltaron á Moreniña no seu paseo pola ría
12 sep 2022 . Actualizado a las 07:53 h.Podía ser que, despois de dous anos en terra, á Virxe de Guadalupe lle pasara como di a letra da canción e se marease ao embarcar, pero non foi así. Arroupada por unha multitude e co brillo dun sol que tampouco quixo faltar ao día grande das celebracións rianxeiras, A Moreniña volveu navegas as augas da ría para reencontrarse fronte á praia de Quenxo coa imaxe que Rianxo erixiu na súa honra nese privilexiado emprazamento.
O Campo de Arriba quedou pequeno novamente para a multitudinaria misa solemne, desta volta, sen asentos para controlar o aforo, nin distancias de seguridade nin máscaras. A emoción de poder festexar o día grande da Guadalupe como sempre se fixo era palpable, sobre todo cando a Banda de Música Cultural de Teo fixo soar os primeiros acordes de A rianxeira e a imaxe da virxe bailou ao seu ritmo sobre os ombreiros dos catro mariñeiros que minutos despois a pasearon pola Ribeira.
Moitos móbiles
Durante o percorrido ata o peirao, amenizado pola banda de Teo e polas gaitas de Buxaina e no que participaron os integrantes da Asociación do Traxe Galego coas súas mellores galas, centos de persoas seguían coa mirada o paso da comitiva desde ámbalas dúas marxes da rúa, a maioría, móbil en man para inmortalizar o momento.
O característico son da serea da lonxa anunciou a chegada ao porto da virxe, e moitos xogáronse unha caída saltando por riba duns puntais vellos de batea apiñados no peirao para poder ver o momento xusto no que a Moreniña volveu embarcar desde unha rampla á que, por motivos de seguridade, só podían acceder as persoas que ían acompañar á virxe no seu particular cruceiro pola ría. A bordo do Nuevo Primo, e escoltada por unha trintena de embarcacións de todos os tamaños, a Guadalupe emprendeu unha nova travesía abalada polas calmas augas de Arousa e a brisa mareira na cara morena.