Patrocinado por

James Rhodes, de volta na Coruña: «Imos ensaiar, quen sabe, poida que Jorge Drexler e eu toquemos algo xuntos»

VEN A GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Os dous artistas intercambian tuits en galego onde se convidan a un dúo na cidade durante a súa participación nun festival en outubro

13 sep 2022 . Actualizado a las 19:45 h.

«Debería pedirlle a Drexler que se quede unha noite máis e cante unha canción comigo», escribiu en Twitter o pianista inglés, agora nacionalizado español, James Rhodes. O domingo 23 de outubro actúa no festival Noites do Porto; Jorge Drexler faino o sábado. A maxia das redes fixo que o cantante uruguaio respondese: «Grazas querido amigo! Encantaríame! Tamén podes vir o día anterior e facemos algo xuntos!».

As súas mensaxes en galego tornáronse virais e os seus seguidores só se preguntan unha cousa: haberá sorpresa na Coruña? «Jorge está de xira. Cando volva, por suposto, ímonos ver no meu piso e ensaiar algo. Quen sabe, poida que toquemos algo xuntos, non sei se no concerto ou nun sitio improvisado, nun bar con piano... Oxalá! Sería un privilexio, pero temos que falalo cara a cara para ver se é posible. Depende da loxística, da canción, de como a tocamos co piano...», conta Rhodes desde en Madrid, onde ensaia «como un tolo» para a cita da Coruña, a súa primeira actuación aquí ao aire libre. «É a primeira vez, tamén, que toco un programa cun só compositor, Chopin. Estou moi emocionado, só me preocupa algo o tempo. Pode ser moi romántico: o mar, o ceo, as estrelas, a lúa... Se chove, pois temos que abrir un paraugas, haberá solución», sorrí o artista.

Sobre as expectativas que crearon coas súas mensaxes, engade: «Que bonito que unha persoa do Uruguai e outra de Inglaterra falemos galego nas redes, verdade? Non entendo por que se está a deixar de falar. Sobre todo, os mozos. Non entendo iso de que hai que falar sempre castelán. O galego é unha das linguas máis bonitas que coñezo».

Ao autor de Instrumental, tenaz activista dos dereitos da infancia, confesa que está cada día máis namorado de Galicia. A entrevista pide que sexa en galego e que traduzamos aquelas palabras que aínda se lle escapan, pero que está a aprender. «Galicia é o meu fogar espiritual. Este ano pasei unha mala racha e escapei catro días a Muros. Foi curativo. Unha noite vin como un grupo de cativos xogaban nunha praza sen pais, sen móbiles, sen coches e sen medo. Iso non existe nin en Londres nin en Madrid», subraia. «Teño que convencer á miña parella. Non sei explicar por que sinto isto, pero o meu soño é vivir nun piso ao carón do mar e escapar de Madrid», adianta. «Ao minuto de subirme a un avión en Galicia, sinto unha morriña brutal», remarca. «Galicia profunda... pero iso que significa? É algo negativo, para min é poesía, ao que aspiro». 

Aínda que non lle gusta o cliché de música clásica, nin a compoñente snob que leva asociada, os compositores como Chopin terían moito que agradecerlle. Moita xente nova, e non tan nova, animouse por primeira vez a escoitar a Bach grazas a el. «Non me gusta facer segregacións entre estilos. A música, coma o fútbol, é bastante universal. O bo de interpretar pezas de Chopin ou Bach é que non hai letra. É o último refuxio no que podemos escapar, pechar os ollos e escoitar. Como sociedade, perdemos a habilidade de escoitar», comenta Rhodes. E, mentres moitos se dedican a poñer en dúbida o criterio dos máis novos, el defende: «Os adolescentes teñen unha mente máis aberta que a maioría dos adultos que coñezo».

As pezas de Chopin que tocará na Coruña en outubro, promete, serán emocionantes. Son «obras mestras. No hai outro compositor do que poidamos dicir que o 90 % do que compuxo soa actual 200 anos máis tarde».