O Feirón Mariñeiro transportou ao pasado a Rianxo no tramo final das festas da Guadalupe

VEN A GALICIA


















































A música, a artesanía e os disfraces foron os protagonistas no casco antigo do municipio
16 sep 2022 . Actualizado a las 15:03 h.Rianxo volveu a poñer a súas mellores galas para o Feirón Mariñeiro. Unha cita marcada en vermello no calendario de todos os rianxeiros, que onte se retrotraeron a principios do século pasado nunha das xornadas máis agardadas e multitudinarias das festas da Guadalupe.
A pesares das previsións meteorolóxicas adversas, a vila de Rianxo amenceu cos ceos despexados, presaxiando un Feirón marcado polo bo tempo e o espírito festivo. Dende ben cedo o casco antigo foi o centro neurálxico da localidade. Gaitas, acordeóns e pandeiretas retumbaron acompañadas das palmas dos veciños que non quixeron perderse a décimo sétima edición desta icónica actividade.
Foi chegado o mediodía o momento no que os primeiros visitantes comezaron a pulular con tradicionais traxes de principios de século. As decenas de camisas e vestidos mariñeiros provocaron un mosaico azul e branco que Rianxo agardaba ansioso dende o ano 2019, última ocasión na que se celebrou esta particular cita.
Un dos principais atractivos do Feirón, como viña sendo habitual en edicións pasadas, foi a artesanía. Coiro, vimbio e metais traballados con suma delicadeza e transformados en pulseiras, cestos ou xoiaría foron algúns dos artigos que máis chamaron a atención nun dos días grandes da Guadalupe.
Ademais, os pequenos da casa, e algún que outro maior, aproveitaron a oportunidade para divertirse nos xogos populares e actuacións teatrais que se dispuxeron durante a xornada matinal na praza da Igrexa.
Ritmos tradicionais
Despois do xantar, coas forzas renovadas, foi o momento no que a feira rianxeira recibiu a un maior número de visitantes. Con isto, a música tomou o protagonismo para poñer a bailar a un municipio sumido en pleno 1922.
As sesións vermú da tarde correron a cargo das agrupacións musicais Cé Orquestra Pantasma, Silvaredonda e Xilbarbeira, que foron as encargadas de poñer o ritmo para que os veciños de Rianxo comesen, bebesen e bailasen sen ningunha preocupación máis alá do forte solleiro que acompañou toda a xornada.
Os rianxeiros responderon con creces á chamada dunha das súas citas máis típicas. O Feirón Mariñeiro, unha vez máis, non defraudou. Non podía ser menos. A penúltima xornada de celebracións seguiu acompañando a dinámica de asistencia e ambiente festivo que está dominando a Guadalupe nunha das súas edicións máis esperadas.
O programa de hoxe
«A rianxeira» agarda a súa quenda
A partir das 11.00 horas, abrirase a xornada na praza Virxe de Guadalupe cun tobogán acuático e inchables para os pequenos, antes da festa da escuma as 13.00 na praza Castelao. Dende as 22.00 terá lugar a verbena, a cargo das orquestras Fama, Saudade e Charleston Big Band. Ás 23.00 comezará a festa infantil, antes da gran traca final. Ás 2.00 as bengalas encenderanse para que o pobo entoe ao unísono A rianxeira.