A antiga construción, no río Carabelos, ten cerca de cincuenta metros de lonxitude
16 sep 2022 . Actualizado a las 20:16 h.O paso do Salgueiro é o nome tradicional dun antigo pasal ou pasadoiro de pedras que salva o leito do río Carabelos —afluente do Cabe— e que constitúe a maior construción deste tipo documentada no municipio de Pantón. A estrutura foi localizada por Javier Goyanes, presidente da asociación veciñal da parroquia de Toldaos e vicepresidente do colectivo cultural Segredos de Pantón. «O pasal está formado por 48 bloques de granito e ten cerca de cincuenta metros de lonxitude, pero aínda non o medín con precisión», explica.
A existencia desta estrutura era coñecida polos veciños de máis idade de Toldaos, pero segundo Goyanes, «o lugar estaba bastante esquecido e na parroquia tamén hai xente que nunca oíu falar do pasal». Os camiños que levan ao paso do Salgueiro están pechados en gran parte pola vexetación, polo que Goyanes, para localizalo, camiñou polo leito do Carabelos. «No inverno o río leva moita auga, pero no verán está normalmente seco e máis aínda nun ano de tanta seca como este», explica.
Un lugar de moito tránsito
As pedras do pasadoiro atravesan o leito do río, seguindo unha liña aproximadamente diagonal, nun lugar onde conflúen varios camiños antigos. Nos dous extremos do paso pódense ver algúns restos de antigos empedrados. «En tempos esta foi unha zona de moito tránsito e aínda nos anos 70 e 80 do século pasado había algúns veciños que seguían cruzando o río polo paso do Salgueiro para ir traballar ás fábricas de cerámica de Canaval, en Sober», apunta Goyanes. «Cremos que por aquí pasaba un camiño real que ía a Monforte e cerca deste lugar hai outro camiño que ía cara a Moreda e outro máis que continuaba cara a Mañente para logo entrar en Monforte», agrega. Augas arriba do paso do Salgueiro hai outro pasadoiro de pedras de menores de dimensións. «Non eran os únicos da zona, porque os veciños recordan que neste tramo do río había tres ou catro pasais», di así mesmo Goyanes.
O lugar onde se encontra o paso do Salgueiro serve actualmente como límite entre as parroquias de Mañente e Siós, pero a localidade máis próxima é Toldaos. Os veciños desta última parroquia eran tamén os que posuían máis terras de cultivo na contorna. Outras propiedades agrícolas dos arredores eran traballadas por veciños de Siós, Mañente e Vilamelle.
A pesar do seu considerable valor histórico e etnográfico, o paso do Salgueiro non está catalogado aínda en ningún lugar. A asociación Segredos de Pantón intentará que sexa inventariado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Os integrantes do colectivo pensan que unha ponte do Carabelos que aparece mencionada nalgúns documentos antigos pode ser en realidade o paso do Salgueiro.
Ruta de sendeirismo
Javier Goyanes ten tamén a intención de integrar o antigo pasadoiro nunha ruta de sendeirismo xunto con dous petróglifos que descubriu nas proximidades —e que están pendentes de catalogación— e as ruínas de dous vellos muíños que se encontran no mesmo tramo do río.