Patrocinado por

As Centolas do Breogán completan con éxito a ruta da Traslatio

Leticia castro O GROVE / LA VOZ

VEN A GALICIA

Logo de facer unha ruta por mar, hoxe emprenden camiño a Compostela a pé

18 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As Centolas do Breogán rematan hoxe a súa particular peregrinación a Compostela co dragón  liderando a ruta da Traslatio. Unha expedición na que se viviron momentos moi especiais, pois o traxecto constituía todo un reto para o equipo, que vén de gañar tres medallas no Campionato de España en Trasona, Asturias.

Enfrontábanse a preto de corenta quilómetros por mar que debían completar na mesma xornada, facendo as preceptivas paradas. Así daba comezo o que bautizaron como a I Travesía Barca de Pedra. A viaxe, que partiu da praia de Peralto, no Grove, transcorreu sen incidentes, aínda que con algo de vento dende Vilanova a Carril, como confesaba o presidente do clube, Félix Lamas. Logo coa corriente en contra do río e a marea baixando, as padexadas foron máis doadas. A cada parada para recuperar folgos, maior ledicia. Bordearon Vilanova, Cortegada, Carril e Catoira entre outras localidades.

A carón das embarcacións ía tamén un barco de pasaxe que levaba a bordo unha pequena representación da Asociación Española Contra o Cancro no Grove e outras persoas que animaban ás deportistas, non só porque algunhas das participantes padeceron a cruel doenza, senón porque esta práctica deportiva é beneficiosa para a súa recuperación. Por este motivo o Clube de Piragüismo Breogán iniciou este mes unha campaña de recadación a prol da entidade local chamada Padexadas contra o Cancro.

A I Travesía Barca de Pedra empurrou esta vez a preto de medio centenar de homes e mulleres a remar nos dous barcos dragón cedidos pola Federación Galega de Piragüismo, pero de seguro en  vindeiras edicións serán moitos máis, non só polo atractivo da iniciativa, senón porque a modalidade na que adestran as Centolas practícase cada vez máis en todo o territorio nacional, así que os  adeptos a este deporte crecen exponencialmente. O nutrido grupo partirá hoxe a pé cara Santiago de Compostela para completar o último tramo da peregrinaxe, porque a travesía, ademais  de potenciar o deporte ten un compoñente espiritual que non hai que esquecer. De feito as participantes recibiron do cura de San Vicente, Ventura Martínez, a bendición do peregrino no atrio  da igrexa antes de embarcar o venres na praia do Carreiro para padexar ata Peralto, onde realizaron unha ofrenda floral en homenaxe ás vítimas do cancro de mama. Obxectivo conseguido: o Breogán volveu poñer no mapa a aTraslatio, porque o Camiño tamén pasa polo Grove.