Os Recunchos de Vimianzo chegaron aos vestixios da fidalguía en Berdoias
VEN A GALICIA
Terceira ruta do programa de saídas de sendeirismo para coñecer o patrimonio vimiancés
19 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Berce de importantes figuras da fidalguía galega, a parroquia de Berdoias foi a protagonista da terceira das rutas do programa Recunchos de Vimianzo, unha iniciativa coa que o Concello pretende dar a coñecer o seu vasto patrimonio a través do sendeirismo. E se algo ten en abundancia Berdoias, é patrimonio.
Polas nove e media da mañá partiu dende a igrexa unha comitiva de arredor dunha vintena de camiñantes, que ao longo do itinerario gozaron das explicacións de Mariví Amigo, técnica de turismo vimiancesa. Dende o templo, a ruta, denominada Vieiro Fidalgo, pasou por diversas construcións tradicionais moi ben conservadas, pero tamén por varias estacións de petróglifos.
A seguinte parada foi no dolmen A Casota de Freáns, tamén chamado A Casota dos Mouros, así como no pazo de Alonso de Lema, onde aínda poden observarse símbolos da Inquisición. Nese punto, saíu a colación a historia dun xuízo no que el participou e no que logrou que oito mulleres de Carantoña, acusadas de bruxería, salvasen a vida.
Continuaron os camiñantes enlazando os seus pasos coa Vía Mariana, a través dun fermoso carreiro entre carballos e castiñeiros, para facer un alto nunha vella ponte de pedra, en dúas alvarizas ou nas estacións de petróglifos de Boallo. Tamén visitaron o pazo de Martiño de Lema, así como a capela semi derruída de San Roque. Xa de volta na igrexa, concluíu esta terceira e agradable saída do programa Recunchos de Vimianzo.
Será a finais desta semana cando chegue ao seu fin esta iniciativa de sendeirismo para a divulgación do patrimonio soneirán. Tras afondar nos Segredos do val de Vimianzo, na singularidade dos Penedos de Pasarela e Traba e no vasto patrimonio do Vieiro Fidalgo, o domingo tocará a Vía Mariana, ese itinerario de peregrinación que enlaza Braga con Muxía a través dos santuarios de advocación mariana.
Para participar hai que inscribirse con anterioridade nun formulario que está dispoñible na páxina web oficial do Concello. O punto de partida será, de novo, a igrexa de Berdoias, ás 9.30 horas.