Miguel Anxo Fernández: «En Galicia temos escenarios para todo o cine que se queira facer, dende neve ata dunas»
VEN A GALICIA
O responsable do festival ourensán destaca a presenza nesta edición de máis de 40 traballos rodados en Galicia ou de creadores galegos
20 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Ao grupo liderado por Miguel Anxo Fernández tocoulle salvar in extremis a edición do Ourense Film Festival (OUFF) no 2018 e preparar en menos de dez meses a do 2019. Despois chegou a pandemia. Non se pode dicir que o equipo organizador do certame ourensán leve transitado por un camiño de rosas, así que o seu director di estar especialmente emocionado coa cita deste ano.
—Que se pode agardar desta edición?
—Vai ser a primeira edición na que o audiovisual galego ten un protagonismo real e absoluto. Das cinco estreas de longametraxes, catro están rodadas total ou parcialmente en Ourense. Abrimos e pechamos o festival cunha película galega e hai dúas na sección a concurso. A iso hai que sumar un nivel extraordinario de participación e de calidade con nomes moi consagrados no audiovisual galego na sección de curtas. Teremos máis de corenta producións galegas e, aparte, imos pór en marcha a Ourense Film Comision e a Agapi, a asociación galega de produtores independentes, vai ter un encontro profesional que pretendemos que se repita cada ano no festival.
—Pensa que se notará que é o primeiro festival con AVE?
—Esa conexión en dúas horas coa meseta é unha bendición. O esforzo que se está facendo dende hai anos pola Deputación para atraer rodaxes a Ourense, por exemplo, ten agora unha resposta moito maior. Porque os estímulos económicos non son o único que decide ás produtoras. En Galicia temos escenarios para todo o cine que se queira facer, dende neve ata dunas, cidades con estruturas futuristas, illas e patrimonio para ambientar calquera momento histórico. Pero o acurtar distancias é esencial para os equipos que teñen que vir; para técnicos, para actores e para directores. O feito de que poidan coller o AVE de mañá, rodar e logo marchar pola noite, ou ao día seguinte, é unha vantaxe. Ao longo deste ano rodáronse en Ourense sete películas e a iso hai que sumar outros formatos como series de televisión. Pero pensamos tamén que o AVE pode ser porta de saída para o audiovisual galego cara ao exterior. Pode animar a que se acheguen ao festival máis produtores e, por exemplo, coñecer traballos que lles poida interesar comprar ou contactar cos nosos creadores
—Contan con recuperar as cifras prepandemia?
—Iso esperamos, aínda que nós non paramos. Houbo festival tamén nos anos covid. Fomos firmes defensores de que a cultura non tiña que pechar. Aínda que coas limitacións de aforo, hai que recoñecer que foi triste. Pero este ano esforzámonos e damos un salto cualitativo potente para, ao menos, igualar os datos do ano 19 e superar os vinte mil asistentes.
—Como foi o financiamento?
—Afortunadamente tivemos apoio absoluto das institucións, empezando pola Deputación, e dos patrocinadores privados. Notamos que hai gana e fixamos prezos populares, incluso oferta gratuíta. Temos unha gala pensada para os equipos da Fas Muvi e das curtas no teatro Principal, e ese día énchese de actividades para a xente moza. No programa hai oferta para o cinéfilo, pero tamén concertos, exposicións...
—Que futuro ve para o OUFF con tantos festivais audiovisuais como hai?
—Penso que 27 anos xa non os bota ninguén abaixo. Algúns non o veremos, pero este festival chegará a ser centenario. O cine non vai morrer. Cambiará a maneira de consumilo ou os formatos, pero a humanidade leva creando imaxes para contar historias dende a prehistoria. Eu sempre dixen que oxalá houbese en cada concello de Galicia un festival de cine, porque iso quere dicir que habería unha pantalla na que se vexa produción audiovisual. Espero que algún día se chegue a iso.