Unha mostra retrata a 52 autores, dende os pioneiros ás novas xeracións
20 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Festival de Cine Internacional de Ourense apura as horas para a apertura da edición deste ano. Será o próximo venres, nunha gala na que se materializará a estrea mundial da nova película de Ángel de la Cruz: O home e o can. Mentres, a organización do OUFF non para, e avoga pola produción de contidos propios. Son iniciativas como a exposición Manual de dirección. Cineastas de Galicia. Inaugurada este luns no Centro Cultural Marcos Valcárcel, é un proxecto deseñado por Xosé Enrique Acuña —membro da Fundación Carlos Velo e comisario da mostra— e desenvolvido por Xulio Gil.
Está composta por 52 retratos de directores de cine que dende hai máis de trinta anos protagonizan o mundo da creación cinematográfica galega. Dende os pioneiros do audiovisual dos anos 80, ao Novo Cinema Galego e á produción audiovisual da actualidade. Polo obxectivo de Gil pasaron realizadores como Oliver Laxe, Lois Patiño, Jorge Coira, Juan Pinzás, Chelo Loureiro, Xavier Villaverde, Margarita Ledo, Alexia Muíños, Paula Cons, Alberte Pagán, Dani de la Torre, Carlos Amil ou Ignacio Vilar, entre outros. A mostra de retratos tamén conta cunha pequena sección titulada No manual da memoria, na que se honra a autores xa desaparecidos, caso de Chano Piñeiro e Eloy Lozano.
Gil incidiu en que o seu traballo foi tratar chegar á alma do artista, para non quedar na superficie, para captar a esencia, o que lle confire á obra un nidio trazo intimista.
Coa iniciativa, OUFF e fundación inciden na liña da produción propia para o festival. E lembraba Xosé Enrique Acuña que este proxecto dá continuidade ao presentado no 2018, nos inicios da colaboración de ambas entidades, e no que se poñía o acento na memoria dos actores galegos. Naquela ocasión a fotografía de Xulio Gil profundaba nos rostros dos que comezaron a erguer o edificio do audiovisual galego como Manuel Lorenzo, Manquiña, Mela Casal, Mabel Rivera, Ernesto Chao, Antonio Durán Morris, Carlos Blanco, Francis Lorenzo, Alfonso Agra... todos nados antes de 1960. Tamén había un oco para os que xa non estaban.