A romaría, a festa dos de Silleda, encheu de xantares a carballeira
20 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A romaría da Virxe da Saleta recuperou a concorrencia de devotos de antano, logo de que a pandemia fixera que as dúas ultimas edicións se celebraran en precario e coas restricións que esta impuxo e tanto os actos relixiosos coma os xantares encheron o recinto que a nai de Deus ten na parroquia de Siador. A que está considerada coma a festa dos de Silleda e principal romaría das terras de Trasdeza, ao igual que nos últimos anos, trasladouse ao sábado máis próximo ao 19 de setembro, data que sinalaba o tradicional calendario dende inmemorial.
Así desta o día principal foi o sábado 17, comezando a xornada con misas rezadas e solemne a unha da tarde, no anfiteatro ao aire libre do santuario, a onde a imaxe da Virxe xunto coa do patrón San Miguel Arcanxo e a do Neno Xesús, foron levadas polos devotos para volver logo da eucaristía, ao templo atravesando a carballeira por onde o cruceiro procesional. A misa, oficiada por varios sacerdotes da zona, coas intervencións da Coral Polifónica de Silleda e a Banda de Música de Silleda, que tamén participou na procesión ofrecendo ao remate da liturxia, un concerto diante da igrexa santuario.
Moitos ofrecidos e festeiros quedaron a xantar na carballeira que rodea o santuario. Os de Silleda, como ven sendo tradicional, puxeron mesa e trouxeron viandas das casas para compartir familia e amigos e os forasteiros, encheron os postos nos que se ofrecía pulpo, churrasco, carne o caldeiro e empanada. Non faltaron nin rosquilleiras nin atraccións para os cativos e lanzouse abundante pólvora durante toda a xornada. Pola tarde houbo misa as seis e novamente concerto da Banda de Silleda, e pola noite verbena coas agrupacións Sensaciones e JB Son, logo de que moitos deran conta da cea no propio recinto.
Na véspera, o venres houbo verbena cos grupos Fussión e Fuego, e nos días previos a tradicional novena con notable asistencia ao igual ca a procesión das antorchas que se celebrou o xoves 15, logo dunha misa cantada.
Devoción xa en 1863
A devoción da Nosa Señora da Virxe da Saleta nesta parroquia de Siador, réplica da máis célebre que se venera en terras francesas, comezou no ano 1863, sendo esta advocación se Silleda, a mais antiga de cantas se celebran en España. Na nosa comarca de Deza, a Virxe da Saleta venerase na igrexa da parroquia de Xaxán (Lalín) onde é co-patroa e en Trabancas (Agolada), onde lle fan a festa principal da parroquia coincidindo agora coa de Siador. Tamén na zona, son destacadas a Saleta de Loimil (A Estrada) e Bugarín (Cerdedo), onde teñen capelas e romarías e en mais de trinta parroquias galegas, hai imaxes, confradías e capelas, desta Virxe aparecida na Salette de Francia no ano 1846.
A imaxe que se venera en Siador saíu do taller do escultor compostelán Magariños, dende onde foi traída ao lombo polos veciños da parroquia, nunha noite de xuño do ano 1864, para deixala na capela do Pazo de Sestelo, propiedade do promotor deste culto en Siador, Francisco M. Rivas, mentres se ampliaba coma santuario a igrexa parroquial barroca que fora construída pouco antes, no ano 1846.
No santuario tamén se garda unha valiosa reliquia consistente nun anaco da rocha sobre a que aparecera a Virxe en terras francesas, e coma en todo santuario que se prece, hai fonte milagreira a que agora ninguén se achega e un peto de animas no lugar do Marco, ambos da mesma época ca o santuario. Dos milagres que ten obrado a Virxe da Saleta de Siador, hai un libro mecanografado inédito, no que figuran con detalle as prodixiosas curacións e as intervencións divinas, para liberar aos paisanos dos males, pragas e pestes, que asolaron as terras de Trasdeza perante os primeiros anos do santuario.
Dende o ano 1984, atenden o culto en Siador os Pais Saletinos, que contan cun edificio anexo ao recinto relixioso para as súas actividades e unha fundación que preside o home de prol da parroquia Roberto J. Rivas Martínez, que vela polos intereses deste santuario mariano de Trasdeza que abre para o culto tódolos días do ano.