A cita, desde mañá ao 25, inclúe desde a voz que actuou no adeus a Isabel II ao carnaval de Brasil
20 sep 2022 . Actualizado a las 04:55 h.Será a terceira edición en Santiago —a primeira cun contexto de normalidade— e a décimo oitava desde que iniciou a súa andaina en Pontevedra. O festival Maré, Música e Artes Atlánticas, reunirá 35 propostas chegadas dunha ducia de países desde mañá ata o domingo. «É un festival instrumental, é dicir, de servir para algo. Non só se trata de colocar artistas enriba do escenario, senón que teña unha compoñente de transformación social. Por iso o noso foco está na diversidade e na relación da diversidade co patrimonio», di Vítor Belho, de Nordesía Producións, impulsora do festival.
Serán en torno a trescentos artistas os que enchan de pop, soul, blues, música electrónica..., pero tamén ritmos bulu e bikutsi, batida, amapiano e semba, entre outros, as nove localizacións nas que se desenvolverá o festival: o parque de Bonaval, Mazarelos, o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, A Quintana, a Igrexa da Universidade, Riquela, a Capitol e Crechas, onde se poñerá o peche ao festival.
«Todas as actuacións son singulares», afirmou Vítor Belho, empezando polo concerto conxunto entre a Real Filharmonía de Galicia e a mítica banda escocesa Capercaillie, coa voz de Karen Matheson, que foi unha das que soou na despedida á raíña Isabel II en Edimburgo. A proposta inaugural, mañá mércores no Auditorio de Galicia (20.30 horas), será estrea en España, pero o festival tamén acollerá por primeira vez en Europa a nova xira do brasileiro Chico César (día 22, Sala Capitol) e da Orquestra Voadora. Esta última protagonizará outro dos momentos especiais do festival. «Imos intentar celebrar o carnaval de outono», afirmou Belho. Actuará o xoves na praza da Quintana a partir das 19.00 horas. No mesmo escenario, pero ao día seguinte, poderase escoitar a Barmer Boys, chegados desde Rajasthan.
Nesta edición, Maré tamén destaca pola aposta en clave feminina coa participación relevante de mulleres en 22 das propostas. Entre elas están a angolana Pongo, a saharauí Aziza Brahim, a brasileira Dandara Manoela, a arxentina Sofía Viola, así como as galegas A Pedreira, Guadi Galego, Antía Muíño e Catuxa Salom. A presenza de Galicia completarase con Malandrómeda, Abe Rábade e Dios Ke te Crew, entre outros.
Ademais, o festival incluirá a celebración do Día das Linguas o domingo 25, en Mazarelos, coa participación de cinco artistas.
O parque de Bonaval será o epicentro do festival, con concertos o venres (Pietá Aziza Brahim, Malandrómeda e Fogo Fogo) e sábado (Maruja Limón, James BKS, Pongo e Dios Ke Te Crew). Foi este precisamente o escenario elixido para presentar o evento. Ademais de Belho, participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castra; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e o deputado provincial Blas García, en representación da Deputación da Coruña. Este último anunciou a intención de crear unha marca provincial dos festivais.